O recurso contra a suspensión das primas ás renovables "chega tarde" segundo os socialistas

Parque eólico © Xunta

Abel Losada critica a tardanza do Goberno de Feijóo en presentar o recurso de inconstitucionalidade contra o real decreto polo que o Goberno de Rajoy eliminou as primas ás novas instalacións de xeración eléctrica mediante enerxías renovables. Para os socialistas, o PPdeG “asestou dous golpes mortais" ao sector eólico "que poñen en risco a supervivencia das empresas”, xa que “ao decreto de Rajoy que suprimiu as primas hai que engadir a nefasta decisión de Feijóo de anular o decreto do goberno anterior”.

Para os socialistas, o PPdeG “asestou dous golpes mortais" ao sector eólico "que poñen en risco a supervivencia das empresas”

Losada acusa os populares de teren perdido “un tempo precioso, que o sector está a pagar a un elevado custe”. Losada engade que "as empresas galegas parten con desvantaxe respecto ás súas competidoras" e cifra en 14.000 empregos e en 6.000 millóns de euros o prexuizo causado polas medidas dos populares. Para Losada, a supresión do decreto do goberno bipartito “só é explicable por motivos ideolóxicos”. Segundo o voceiro socialista na pasada lexislatura as dúas decisións condenaron ao sector eólico galego para moitos anos, e prexudicaron igualmente outros sectores, "especialmente o do metal, cunha crise moi forte que estas decisións de Feijóo e Rajoy axudaron a afondar”.

 

Para a Xunta o decreto de Rajoy "atenta contra a seguridade xurídida e afecta as competencias propias da comunidade autónoma"

O Goberno galego do PP leva á Xustiza ao Goberno español do PP e faino por razóns "xurídicas" e "económicas". Segundo a Xunta, o gabinete de Rajoy "atenta contra a seguridade xurídida, xera incerteza nos investidores, afecta o lexítimo e pacífico exercicio das competencias propias da comunidade autónoma" e "non está adecuadamente xustificado". "Pensamos que afecta á seguridade xurídica", dixo onte Feijoo, porque deixa "na indefinición o réxime de primas por un tempo indefinido" e ademais, di Feijó, faino xenericamente, ata o punto de que na exposición de motivos do decreto "se alude a sectores como o fotovoltaico e non á enerxía eólica, pero suspende tamén as primas eólicas".

Parque eólico © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.