O Santander activa o ERE tras a absorción dos restos do Banco Pastor

Protesta contra un ERE en Santander CC-BY-SA CIG

Chegou o ERE que o Santander prevía logo da compra do Banco Popular e dos restos do Banco Pastor en Galicia o pasado mes de xuño. Os sindicatos foron convocados a unha xuntanza para o vindeiro venres 3 de novembro en Madrid ao abeiro do artigo 12 do convenio colectivo, que fai referencia aos procesos de reestruturación. Prevese, segundo manifestan fontes do sector, que o recorte do persoal afecto aos servizos centrais, tanto da entidade matriz como da absorbida, e que acabe por afectar uns 1.500 traballadores. Queda por ver se, dentro deses despedimentos, inclúense traballadores en Galicia, onde operan oficinas vinculadas a eses devanditos servizos centrais de Madrid. 

Os sindicatos foron convocados a unha xuntanza para o vindeiro venres 3 de novembro en Madrid

"Non sabemos aínda nada, máis aló do que se comenta; nin a canta xente vai afectar nin se unicamente se prescindirá do persoal dos servizos centrais", aclara a Praza.gal Rosa Conde, representante sindical do Banco Pastor, e que estará presente na xuntanza do vindeiro venres. Con todo, era prevista a aplicación dun ERE que se foi adiando pero que parece inevitable nos procesos de absorción dos bancos, fundamentalmente polas "duplicidades" que argumentan as entidades. 

O ERE do Santander chega logo de que o Popular, antes de ser mercado pola entidade que presidente Ana Botín, levara a cabou un ERE hai agora un ano que afectou case 2.600 traballadores en todo o Estado e máis de 300 en Galicia, case o 20% do cadro de persoal no país. Tan só uns meses antes, o propio Santander levara a cabo outro ERE que afectara 1.400 persoas en toda España, varias ducias delas empregadas en Galicia, onde tamén pecharon oficinas. 

Queda por ver se o ERE só afectará aos servizos centrais de Madrid ou a máis centros do Estado

Ademais, hai xa uns cinco anos, a integración do antigo banco galego no grupo Popular supuxera xa unhas 800 baixas en Galicia entre traslados a Madrid -pola reestruturación dos servizos centrais da antiga entidade galega na Coruña- e prexubilacións. Agora, haberá que ver se este novo recorte afecta tamén as oficinas vinculadas aso servizos centrais que o Santander e o Popular teñen no país. 

En Galicia, coa marca Pastor como maioritaria, o grupo Popular supoñía antes da súa venda a segunda entidade do país, tanto pola súa importante rede comercial, con máis de 200 sucursais, como polo número de traballadores (sobre 1.400, máis de mil nas sucursais da entidade galega) ou o seu negocio, con case o 20% de cota de mercado e máis de 20.000 millóns entre créditos e depósitos. O número de clientes galegos andaba arredor dos 690.000, dos que máis de 120.000 eran pemes, autónomos e comercios.

Logo desa absorción, quedaron cinco entidades que controlan case en exclusiva o mercado financeiro galego, logo dun proceso que levou por diante as antigas caixas, o Banco Gallego ou desde o pasado verán o Pastor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.