O sector lácteo galego ante o seu gran reto: 2015

Presentación da Asociación 'Terra e Leite', este xoves na Facultade de Historia da USC © Terra e Leite

1986, 2015. Dúas datas clave para o séctor lácteo galego. A primeira, o momento do ingreso de España na CEE e o establecemento do sistema de cotas lácteas. A segunda, a fin desas mesmas cotas e o inicio dun sector liberalizado. Neste momento, ás portas dese novo escenario que lle ofrece á produción galega de leite unha serie de grandes ameazas, pero tamén de novas oportunidades, nace a Asociación Terra e Leite, que este xoves se presentou na Facultade de Historia da USC, presentando tamén a súa web.

A asociación busca espallar a importancia económica e social desta industria en Galicia e a súa necesidade de apoio nun marco de desenvolvemento rural sostible. Farao a través de distintas actividades de análise e difusión (foros de debate, estudos...) das que son unha mostra unha serie de dez traballos sobre a produción de leite en Galicia, elaborados por expertos en distintas disciplinas, dende a economía á enxeñaría agrónoma, pasando pola historia e o xornalismo.

Nesta etapa que temos diante, o mercado sen cotas, "aparecen grandes incertezas que merecen ser analizadas para atopar as respostas axeitadas", destacan. Un dos grandes factores que serán clave neste novo escenario será a demanda crecente de produtos lácteos no mundo, sobre todo nos mercados emerxentes. Neste senso, alertan da "inmensa debilidade da industria, que debería dispor de instalacións e tecnoloxía que permita viaxar ao leite". Engaden que "esta previsible demanda fora de Europa vai convivir cun mercado  interno saturado en toda a UE e os países moi excedentarios poden utilizar o mercado peninsular como refugallo estacional para protexer os seus mercados cautivos".

Un dos grandes factores que serán clave neste novo escenario será a demanda crecente de produtos lácteos no mundo. Neste senso, alertan da "inmensa debilidade da industria, que debería dispor de instalacións e tecnoloxía que permita viaxar ao leite"

"O tema é complexo, non se pode despachar con frases grandilocuentes", destaca o empresario leiteiro Xosé Turnes, presidente da Asociación. "Os gandeiros galegos teñen grandes vantaxes competitivas a nivel europeo para producir leite. O problema é que fallan os restantes elementos que deberían complementar esta riqueza que aquí temos", explica. Un estaría relacionado coa necesidade dunha ordenación responsable do sector, no que estea implicada a industria, a distribución e a administración. O outro, polas xa referidas necesidades de innovación tecnolóxica: "Necesitamos que a industria implantada na Península se prepare para deixar de competir co mesmo produto, o leite líquido, que debe ser destinado ao mercado local. E, en cambio, debe ter capacidade para darlles saída nos mercados emerxentes a outros produtos, coma o leite en po ou a manteiga, produtos que poidan viaxar". "Se se cumpre isto, creo que o sector ten futuro", conclúe.

A Asociación destaca que nos últimos 30 anos o sector leiteiro galego experimentou unha gran modernización, cun saldo "altamente positivo aínda que con moitos matices" da entrada de Galicia na CEE. "A produción máis ca duplicouse e somos unha zona moi destacada en toda Europa. A reconversión foi brutal, desapareceron 100.000 explotacións, pero emerxeu un colectivo modernizado con unhas expectativas sostibles cara ao futuro", destacan.

Xosé Turnes destaca que "o sector ten un peso económico moi importante que ás veces non se ten en conta. E hai ideas erróneas, considerándoo un sector atrasado, cando non o é"

Xosé Turnes destaca que "o sector ten un peso económico moi importante que ás veces non se ten en conta. E hai ideas erróneas, considerándoo un sector atrasado, cando non o é". Por exemplo, a asociación destaca que Galicia está dentro do 5% das rexións leiteiras europeas con maior produción anual e que está incrementando a súa produción en mais dun 2% anual. "Queremos que a sociedade sexa consciente disto, que os partidos tamén tomen conciencia da realidade do sector. Non só a súa importancia directa, senón tamén polas sinerxías que crea con outros ámbitos, o coidado da paisaxe e do medio rural, ou o investimento que xeran en maquinaria", di.

Sinalan que o gandeiro, ademais de leite produce bens públicos (paisaxe, conservación de medio natural...), en moitos casos en zonas con limitacións naturais

A Asociación busca contribuír a facilitarlles información aos axentes operativos do sector cara á modernización e articulación das explotacións e das industrias lácteas. E tamén quere difundir a información entre toda a cidadanía, poñendo en valor estas producións a ollos de todos os galegos e galegas, dignificando así a profesión do gandeiro produtor de leite "e a súa importancia cara ao mantemento da paisaxe rural galega e do medio ambiente natural". Sinalan que o gandeiro, ademais de leite produce bens públicos (paisaxe, conservación de medio natural...), en moitos casos en zonas con limitacións naturais. "Estes bens non son valorados polo mercado e deben ter a súa compensación a través da PAC, que deberá aplicarse eficientemente", engaden. A nova entidade tamén quere "apoiar a comercialización dos produtos lácteos galegos, promovendo ou colaborando, se fora preciso, en actividades que faciliten a identificación dos mesmos e o coñecemento das súas características".

"Pensamos que se pode e se debe seguir aumentando a produción de leite en Galicia, pero temos diante altos riscos que debemos afrontar. De 1986 saímos bastante ben parados, agora non pode ser menos"

Terra e Leite fai un chamamento á implicación de "grandes proxectos industriais, propios ou de fora", á redución de custes nas explotacións, e ao aproveitamento de todas as capacidades coas que Galicia conta como potencia produtora. "Pensamos que se pode e se debe seguir aumentando a produción de leite en Galicia, pero temos diante altos riscos que debemos afrontar. De 1986 saímos bastante ben parados, agora non pode ser menos. A nosa Asociación quere ser un instrumento útil para este gran debate", conclúe.

 

Artigos publicados

Presentación da Asociación 'Terra e Leite', este xoves na Facultade de Historia da USC © Terra e Leite
Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.