O Consello Europeo aceptou finalmente incluír na modificación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) as axudas ao marisqueo que quedaran fóra da proposta inicial da Comisión. Así, o sector marisqueiro a pé galego, que ergueu a voz contra a súa exclusión, poderá finalmente acollerse ás axudas por cesamento de actividade previstas no plan de choque contra a crise do coronavirus aprobado pola Eurocámara.
O Consello aceptou finalmente incluír na modificación do FEMP as axudas ao marisqueo que quedaran fóra
O Consello atendeu así as demandas expresadas por europarlamentarios, en especial pola socialista Clara Aguilera, polo tamén socialista e galego Nicolás González Casares, e pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a través do grupo Os Verdes-ALE.
“A modificación do FEMP proposto polo comisario de Pesca Sinkevicius era a todas luces insuficiente”, asegura González Casares
Así, o Consello dá o visto e prace a que, do mesmo xeito que a frota pesqueira, o sector marisqueiro poida acollerse a axudas á paralización temporal da súa actividade. Agora, as mariscadoras que queiran acceder a estas axudas deberán acreditar 120 días de actividade nos anos naturais previos á data de solicitude de axudas, que terán un efecto retroactivo, desde o 1 de febreiro de 2020, e ata final de ano.
“A modificación do FEMP proposto polo comisario de Pesca Sinkevicius era a todas luces insuficiente”, asegura González Casares. “O traballo levado a cabopolo Grupo Socialista na Comisión de Pesca conseguiu introducir cambios substanciais, principalmente que o sector marisqueiro a pé poida acceder ás axudas", engade.
“Por un lado as profesionais destes sectores necesitan parar temporalmente para evitar a enfermidade, pero por outro o impacto deste parón na economía das familias lévaas a unha situación de extrema gravidade”, explicou a nacionalista Ana Miranda, quen lembra que xa no período 2012-2013, -na anterior reforma do FEMP-, o BNG no Parlamento Europeo solicitou que o marisqueo fose unha das actividades subvencionables por estes fondos europeos.
Desde o PSOE, González Casares destaca que o eu grupo conseguiu introducir outra emenda que permite o transvasamento de fondos entre as diferentes prioridades do FEMP, de maneira que se poderán reorientar ata un 10% do fondos destinados a medidas de control e recompilación de datos a outras necesidades derivadas da crise da Covid.
“Trátase dunha emenda importantísima que defendín durante estes días”, sinala quen asegura que concede aos Estados membros "maior liberdade para modificar os programas e concentrar fondos nas partidas dedicadas a mitigar o golpe económico que xa están a sufrir o sector”.
A caída da demanda de marisco, explican desde PSOE e BNG, provocou a redución drástica da actividade pesqueira, cando non a súa paralización, así como dos prezos.
Dende Ciudadanos subliñan que o partido tamén realizou xestións neste mesmo sentido a través da súa representación no Parlamento Europeo, que se congratula pola mudanza. A súa candidata á Xunta, Beatriz Pino, considera en resposta a esta información de Praza.gal que non é "veraz e axustado á realidade" dar conta das xestións realizadas sen mencionar a C's.