Os créditos das axudas europeas polo coronavirus non esixirán recortes se os estados os destinan a gasto sanitario

Reunión do eurogrupo este xoves e fragmento do seu acordo de créditos para facer fronte ao coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

Os ministros de finanzas dos países do euro desbloquean a negativa de Holanda condicionando os fondos “ata que se supere a crise da Covid-19”

Os ministros de finanzas dos países do euro chegaron na noite deste xoves a un acordo para desbloquear as axudas económicas europeas pola crise do coronavirus. Serán créditos dispoñibles para gasto sanitario “ata que se supere a crise da Covid-19” que os estados deberán devolver pero que non estarán condicionados, como querían inicialmente países nórdicos encabezados por Holanda, a recortes como os que esixiu Bruxelas cos rescates da crise económica.

Fragmento do acordo do eurogrupo co importe do 2% do PIB que poderá pedir cada estado en créditos, a condición de que vaian destinados a gasto sanitario e que sexa ata que a crise da Covid-19 se dea por superada CC-BY-SA Praza Pública

Cada estado poderá solicitar ata o 2% do seu produto interior bruto, que no caso de España concretaríase nuns 25.000 millóns de euros

Segundo o acordo acadado polos ministros, que deberá ser ratificado e concretado polos presidentes e primeiros ministros dos estados socios do euro, os fondos sairán principalmente do fondo europeo de rescates. Cada estado poderá solicitar ata o 2% do seu produto interior bruto, que no caso de España concretaríase nuns 25.000 millóns de euros. Serán fondos que chegarán en forma de crédito que haberá que devolver, pero que ante a negativa doutros países como Alemaña a emitir bonos de débeda a nivel europeo, permitirán que os estados non dependan a nivel individual das esixencias dos mercados para poder financiarse en plena crise.

O ministro holandés de Finanzas matizou que a liña de créditos “tamén estará dispoñible como apoio económico, pero con condicións”, o que cualificou como “xusto e razoable”

Ademais os fondos, a diferenza do que ocorreu cos rescates financeiros de hai unha década, non estarán condicionados a que os estados fagan recortes. Estarán dispoñibles, di textualmente o acordo “ata que se supere a crise da Covid-19”. O ministro de Finanzas holandés, Wopke Hoekstra, salientou posteriormente en Twitter que a liña de crédito ofrecerá “axuda financeira aos países sen condicións para gastos médicos”, pero matizando a continuación que “tamén estará dispoñible como apoio económico, pero con condicións”, o que cualificou como “xusto e razoable”.

Ao acordo chégase dúas semanas despois de que o primeiro ministro portugués, António Costa, cualificase de "repugnante" a petición de Holanda de investigar os países do sur

Ao acordo chégase dúas semanas despois de que Alemaña e Holanda bloqueasen as axudas querendo impoñerlles condicións de rescate, o que indignou a España, Italia e Portugal, cuxo primeiro ministro, António Costa, chegou a cualificar de “repugnante” o intento de Holanda de investigar aos países do sur por non ter capacidade para afrontar a crise sanitaria cos seus propios recursos. Posteriormente Alemaña seguiu a negarse a que a UE emitise os denominados coronabonos -bonos de débeda conxuntos en vez dos bonos de cada estado máis sometidos ás presións dos mercados- pero abriu a man coas condicións para que Bruxelas ofrecese créditos aos estados e acabou convencendo a Holanda para que tamén os aceptase.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.