O sector servizos volve situar Galicia no podio do incremento do paro no Estado

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

De novo un elevado aumento no sector servizos e de novo un mal dato do paro. O mes de novembro deixou en Galicia un incremento en 4.614 persoas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego con respecto a outubro, o que supón un incremento do 2,3% e sitúa a cifra total en 203.554 desempregados. É o 19% da suba total que se dá no conxunto do Estado. 

Galicia sitúase no podo do incremento do paro no Estado: é a segunda autonomía onde máis medra en termos absolutos e a terceira en relativo

Cos datos deste pasado mes, Galicia volve situarse no deshonroso podio en canto ao incremento do paro rexistrado, ao ser a segunda autonomía na que máis sobe o desemprego en termos absolutos -tan só superada polas Balears- e a terceira en canto á suba relativa, neste caso inferior ás Illes e a Cantabria. Sexa como for, o incremento do 2,3% é superior á media estatal, onde o desemprego sumou 24.841 persoas máis, encadeando así a súa cuarta suba mensual consecutiva tras as de agosto (+14.435), setembro (+22.801) e outubro (+44.685). 

O 75% do total de novos desempregados pertencen ao sector servizos tras o peche definitivo da temporada turística

En termos interanuais, pola contra, en Galicia descendeu o paro rexistrado en 21.604 persoas con respecto ao mesmo mes do ano pasado, unha baixada do 9,6%, case un punto máis que a media estatal. 

Galicia perdeu 3.000 afiliados á Seguridade Social no pasado mes

De repararmos no paro por sectores, o sector servizos volve ser o máis prexudicado ao acumular o 75% do total de novos desempregados en Galicia tras o peche definitivo da temporada turística. Así, do aumento de 4.614 parados rexistrados durante novembro, 3.443 inclúense neste sector terciario, mentres que o incremento en agricultura, industria e construción é semellante situándose entre as 300 e as 400 novas persoas apuntadas ao antigo Inem. 

En canto á Seguridade Social, Galicia perdeu no pasado mes 3.008 afiliados, un descenso do 0,31% que sitúa a cifra total de cotizantes en 968.544 persoas, unhas 9.500 menos que hai un ano. No conxunto do Estado, hai 32.832 afiliados menos e o número total é de  17.780.524.

En canto á taxa de cobertura, situouse en Galicia en outubro nun 51,75% (fronte ao 51,06% de setembro), segundo os datos que publicou este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social. Segue a ser unha cifra moi por debaixo do 54,1% do Estado e o número beneficiarios con prestacións por desemprego no país sitúase en valores mínimos, con tan só 94.369. Ademais, o carácter contributivo desta prestación está tamén en mínimos, xa que unicamente son 38.486 os beneficiarios de prestación contributiva. 

Menos dun 8% da contratación no mes de novembro en Galicia foi indefinida

Respecto da contratación, en novembro rexistráronse un total de 76.080 contratos, o que indica unha importante rotación nun mercado laboral galego cuns 840.000 asalariados. Ademais, cae a contratación no mes nun 11,8% e medra no ano un 11,8%. A temporalidade, como é habitual, segue a consolidarse e a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total é tan só do 7,93%. No Estado esta porcentaxe é do 8,9%.

 

A Xunta presume de datos

A Xunta reaccionou aos datos mediante unha nota na que destaca que "o paro baixa en novembro nun 9,6% en Galicia, o maior descenso producido neste mes desde hai 18 anos". En realidade, refírese á baixada interanual e non á relativa ao mes de outubro. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, advertiu que "a evolución anual é a que marca o crecemento económico" resaltando que “Galicia está na boa dirección” porque o desemprego segue diminuíndo con respecto a hai un ano, "ao tempo que soben as afiliacións á Seguridade Social nun 2% e a contratación indefinida no que vai de ano nun 9,%".

"Non existen motivos para triunfalismos nin para afirmar saídas da crise", di Villares, de En Marea

Para a Xunta, e malia que "hai que ser prudentes", a recuperación económica en Galicia "estase a consolidar, tal e como o reflicten os datos do paro e do resto dos principais indicadores económicos".

Pola súa banda, o voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou que "todas as variables son negativas" e reparou no feito de que "o paro rexistrado aumente catro veces máis que no Estado". "Sácase peito cando os datos melloran e encóllense de ombros cando se produce a fin dun ciclo económico", dixo quen cre que as cifras do desemprego "revelan  unha incapacidade por parte da Xunta para intervir neste ciclo de evolución do emprego". "Non existen motivos para triunfalismos nin para afirmar saídas da crise", rematou. 

Ana Pontón pide á Xunta que asuma a súa "ineficacia" en materia de emprego

Desde o PSdeG, pola súa banda, advirten tamén que a suba da taxa de paro cuadriplia á estatal e destaca tamén que "as afiliacións á Seguridade Social medran a metade". O deputado Abel Losada asegura que "malia o discurso triunfalista de Feijóo, lamentablemente os datos son malos” coa segunda maior suba en número de desempregados de todo o Estado. 

No BNG, a súa portavoz parlamentaria, Ana Pontón, cre que "á luz dos últimos datos do paro na Galiza",Feijóo debe "reflexionar antes de enviar os orzamentos da Xunta ao Parlamento Galego". Ademais, pediu ao Executivo que asuma a “ineficacia” das súas políticas en materia de emprego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.