O Sindicato Labrego Galego (SLG) insta a Feijóo a que se poña "do lado dos labregos de Galiza" e a que exprese publicamente "o seu rexeitamento ao informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC) sobre o borrador da Lei da Cadea Alimentaria", no que se rexeita con rotundidade fixar un prezo mínimo para o leite e evitar así o abuso da industria e a distribución, tal e como se comprometera o presidetne da Xunta o pasado mes de decembro cos gandeiros.
"Se o PP non alega o texto, entenderemos que os gobernos da Xunta e do Estado se poñen do lado das industrias e das distribuidoras", di o SLG
O SLG cre que Feijóo debería facer que o PP de Galicia "alegase o texto da lei pedindo que se introducise a prohibición de vender por baixo dos custos no articulado da lei", tal e como fixeron as outras forzas políticas do arco parlamentario galego. "Se o presidente non se opón ao informe da CNC e non fai que o seu propio partido alegue a lei para que se redacte en función dos intereses dos labregos e das labregas, dende o SLG entenderemos que, unha vez máis, os gobernos da Xunta e do Estado se poñen do lado das industrias e das distribuidoras para dar continuidade á extorsión legal ás explotacións agrogandeiras con prezos en orixe que nin sequera cobren o custo da actividade, e con condicións contractuais e comerciais leoninas que atentan contra as normas máis elementais do comercio", advirte o sindicato.
"Non esquezamos que este tipo de prácticas de compravenda están detrás do peche de milleiros de explotacións en todos os sectores agrogandeiros, especialmente no lácteo, que levou, co paso dos anos, ao desmantelamento e desertización do noso medio rural, ao ficar en amplas zonas sen o seu principal motor económico", asegura o SLG nun comunicado. Para a organización agraria, se Feijóo "cala diante do ataque dun ente descaradamente parcial e servil coas industrias e as distribuidoras como a CNC" e se o seu partido non tenta modificar o texto da lei para que se prohíban as vendas a perdas, "estará desperdiciando a oportunidade histórica de apostar por solucionar un dos principais problemas dos labregos e labregas da Galiza e estará a dar as costas ao noso medio rural"
"Precisamente por este problema, polos prezos agrarios de miseria, o noso campo leva anos esmorecendo e sufrindo unha desintegración que corre perigo de facerse irreversible sen un decidido impulso da agricultura e da gandería como única garantía de manter un medio rural vivo e con futuro", remata o SLG.