O teito de gasto baixa un 3,3% e Feijóo non descarta máis recortes sociais

Xuntanza dun Consello da Xunta © Conchi Paz

Galicia xa ten teito de gasto. O Executivo vén de fixar en 8.481 millóns de euros este teito de gasto non financeiro para os orzamentos do vindeiro 2013, unha cifra que supón un 3,33% menos sobre o gasto axustado de 8.771 millóns do pasado exercicio. Todo mentres a previsión facilitada pola Xunta é que o país sufra un decrecemento económico do 0,4%, case idéntica á do Estado, onde será dunha décima máis.

Feijóo non descarta axustes mínimos no gasto social, malia prometer que se manterá

Con esta redución no gasto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu insistir en que "se manterá o gasto social", pero xa non foi tan claro cando engadiu que se cadra, e como máximo, habería que facer axustes mínimos. Tanto o xefe do Executivo como a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, subliñaron que, grazas a medidas como as aplicadas sobre os empregados públicos e ao aforro en gasto farmacéutico, poderase afrontar "ao redor das dúas terceiras partes" do total de axuste que se afrontará en 2013.

Ambos os dous dirixentes populares explicaron tamén tras a xuntanza do Consello que, a pesar de que a caída en relación ao teito anterior -que se axustou de 9.172 a 8.771 millóns- é do 3,3%, o "impacto" sobre o gasto real na comunidade autónoma será de "algo máis dun 1%".

O xefe do Executivo tamén resaltou que este teito de gasto, pechado tras a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira deste martes, conforme aos principios de "rigor e responsabilidade", permitirá facer uns orzamentos para o próximo exercicio que garantan a "solvencia" da comunidade e que esta cumpra co déficit do 0,7% fixado para as autonomías en 2013.

Feijóo, tras o Consello da Xunta © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.