O traballo a tempo parcial por obriga disparouse un 85% en Galicia en cinco anos

O sector hostaleiro concentrou boa parte da baixada do paro © Turgalicia

Dende o inicio da crise dende a Xunta proclamouse que Galicia era diferente ante as dificultades económicas. Do "plus de resistencia" pasouse á "anticipación", ao liderado na "austeridade" e, por último, ao prognóstico de que o país estaba en "mellores condicións" para ser "das primeiras en saír da crise". Agora, cando as cifras macroeconómicas comezan a remontar levemente, os principais indicadores dan conta do estancamento e as primeiras análises amosan que Galicia inicia a senda da saída da crise máis lenta e máis feble que a súa contorna. Neste contexto o Goberno galego apela, por boca dos seus principais responsables, a ollar cifras como a leve baixada do paro rexistrado, das inscricións nas oficinas de emprego. No entanto, a escasa creación de emprego revela un incremento da precariedade que se amosa ás claras, por exemplo, no récord de persoas que traballan a tempo parcial por non teren ningunha outra opción.

Mentres, nos últimos meses, o turismo e o incremento da obra pública previa ás eleccións municipais recortan un chisco as inscricións nas oficinas de emprego a análise do mercado laboral que é homologable a nivel europeo, a enquisa de poboación activa, vén amosando que o pasado 2014 rematou con máis de 99.000 persoas traballando en Galicia a tempo parcial non por desexaren ese tipo de xornada, senón por non atoparen un emprego a xornada completa. Esa cifra non só é a máis alta da serie, senón que supón un incremento superior ao 85% a respecto do ano 2009, no que comeza os datos dispoñibles no Instituto Galego de Estatística.

O 2014 pechouse con 99.000 persoas traballando a tempo parcial por non atoparen un emprego a xornada completa

Fronte ao incremento de máis de 46.000 persoas que traballan a tempo parcial por obriga as cifras de quen elixe este tipo de xornada incrementáronse, pero a un ritmo moito menor. Así, a mediados de 2009 a EPA rexistraba que algo máis de 11.000 persoas non traballaban a xornada completa porque desexaban facelo a tempo parcial e a finais de 2014 o dato era de 13.700 persoas, un 22% máis.

Aumento de demandas de emprego de persoas con traballo

Estes incremento do traballo a tempo parcial e, polo tanto, dos baixos soldos e baixas cotizacións á Seguridade Social, producíronse nun período no que se deu outro fenómeno a ter en conta: o aumento de persoas que acoden ás oficinas de emprego para procurar un traballo malia non estaren paradas, isto é, o que adoita coñecerse como demanda para mellora de emprego. Estas incricións, que non figuran nas cifras de paro rexistrado por non tratarse de persoas paradas, acadaron as 71.689 no remate de 2014, ano no que houbo unha media de 70.145, un 12% máis que na media de 2009.

As persoas que buscan emprego malia estaren traballando aumentaron un 60% dende o inicio da crise

Botando a vista un chisco máis atrás é posible comprobar que antes do estourido da crise, no ano 2006, o número de persoas demandantes de emprego que non estaban no paro era moito máis escaso. Así, a media deste tipo de demandas naquel ano apenas superaba as 43.000, o que implica unha suba superior ao 60% nestes anos. O dato medio máis alto foi, non obstante, o do ano 2012, que se pechou cunha media de 78.000 persoas con traballo que aspiraban a atopar un emprego mellor a través do Servizo Público de Emprego.

O sector hostaleiro concentrou boa parte da baixada do paro © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.