Na Administración xeral e tamén nalgúns organismos autónomos. O Tribunal de Cuentas non ve con bos ollos diversas operacións de enxeñaría contable realizadas pola Xunta cando menos durante os dous primeiros anos completos de mandato do PP, 2010 e 2011. Ademais do desprazamento de facturas dun exercicio a outro e do 'inchado' dos Orzamentos con cartos pertencentes ás Administracións locais o organismo reprocha que dende San Caetano lle remitiron información insuficiente ou nula a respecto das contas dalgúns entes dependentes do Goberno. Doutras si ten información e dubida da súa xestión. Nunha delas fala abertamente de "ocultación de déficit".
Na súa análise Cuentas detecta que "a maior parte das sociedades" dependentes da Xunta "contabilizan as subvencións como ingresos para cubrir os gastos e que non aparezan resultados negativos". No entanto, lembra, a normativa vixente "sinala que as achegas que non financien actividades concretas se contabilizarán como fondos propios", polo que "debería modificarse a forma actual de contabilziar as subvencións". No exercicio de 2010 o Tribunal analizou 20 sociedades e, sen ben "todas elas presentan opinión favorable", si menciona "certas salvidades" a respecto da maneira de actuar do Executivo.
O Tribunal detecta o "desprazamento de gastos" a 2011 por importe de 33,4 millóns
Así, por exemplo, en Galicia Calidade dubida do "inventario e da valoración de bens", algo que tamén acontece na Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos (EPOSH), que dependía da Consellería de Infraestruturas. Esta empresa "amosa un procedemento de xestión pouco ortodoxo ao impoñer a ocultación de déficit mediante o desprazamento de gastos ao exercicio seguinte". Concretamente, afirma, producise unha "transferencia de obrigas de 2010 a 2011" por importe de 33,4 millóns de euros. "De rexistrárense estas operacións no 2010, existindo acta de recepción das obras por parte dos concellos ao estaren estas finalizadas, deberíanse rexistrar cesións de obras por un importe adicional" de 38,3 millóns.
Confirmadas as "deficiencias" no Xacobeo
Ademais das súas conclusións o Tribunal tamén asume como propias as chamadas de atención que xa formulara o Consello de Contas galego a respecto do funcionamento do Xacobeo, sociedade pública na que a Xunta, sinala o Tribunal, iniciou "unha profunda reformulación" en 2012. Ambos organismos, polo tanto, concordan en que no último Ano Santo, o de 2010, existiu unha "clara falta de previsión" económica na sociedade, "motivado fundamentalmente pola non orzamentación tanto dos ingresos orixinados polos convenios de patrocinio asinados con empresas privadas e organismos públicos como dos gastos correlativos a eses ingresos". "Unha boa confección do orzamento, axustándose a sociedade ao orzamento aprobado, evitará desaxustes no financiamento e un endebedamento excesivo", evidencia.
O Consello e o Tribunal poñen tamén o acento na política de persoal do Xacobeo. "A respecto do procedemento de incorporación de traballadores, aínda que se considerase cumprido o principio de publicidade" que marca a lei, os organismos fiscalizadores consideran necesario "dar unha maior publicidade ás ofertas de emprego, dado que a correspondente ás contratacións para o exercicio 2010 tivo moi pouca repercusión, dado o escaso número de candidatos presentados". Asemade, as contratacións "que teñen máis peso relativo" no total de fondos manexados polo Xacobeo son "as correspondentes a contratos de asistencia técnica con empresas consultoras ou de servizos".
"Non se pode considerar que a sociedade dese axeitado cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen na contratación das Administracións públicas"
Estes son algúns aspectos dun escenario xeral no que as "xestións contractuais dos expedientes" do Xacobeo "conteñen importantes deficiencias". Mentres a Xunta se gababa se ser "un Goberno previsible" esta entidade pública non fai constar "que exista unha correcta e completa planificación, programación e orzamentación de todas as actuacións de promoción do Ano Santo ao realizar mediante o procedemento de contratación de asistencias técnicas". "A dinámica social -din- parece evidenciar que, en numerosas ocasións, as actuacións de promoción se inician coa recepción de propostas realizadas por empresas externas" que o ente público se limitaría a "asumir e levar a cabo".
"En varios casos de gran relevancia económica", sinala o informe, o Xacobeo non xustificou "axeitadamente e por escrito" que "o servizo a contratar fose ofertado publicamente na procura de proposicóns alternativas e, polo tanto, susceptible de ser prestado por diversos proveodres de servizos". Así as cousas, "non se pode considerar que a sociedade dese axeitado cumprimento dos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que rexen na contratación das Administracións públicas".