O TSXG aclara que a Xunta debe cofinanciar os servizos sociais nos concellos pequenos

Veiga e Martínez, na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) dá a razón á Deputación de Lugo e considera unha obriga legal da Xunta o cofinanciamento dos servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que cuestiona do decreto de Servizos Sociais aprobado polo Goberno de Feijóo no ano 2012 e no que o Executivo, segundo a entidade, "desenténdese de achegar fondos para servizos sociais na maioría de concellos da provincia".

O TSXG considera unha obriga legal da Xunta o cofinanciaento dos servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes

Segundo a Deputación, esta actitude “irresponsable” por parte da Xunta obrigou á Área de Benestar Social da Deputación a "suplir con fondos da entidade provincial os cartos que antes poñía a Xunta para non deixar tirados a meirande parte dos cidadáns da provincia de Lugo en materia de servizos sociais”, tal e como afirmou este venres en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación e responsable do devandito departamento, Antonio Veiga, que deu a coñecer a sentenza.

O TSXG afirma que “existen serias dúbidas de dereito” en relación ao Decreto 99/2012 de Servizos Sociais aprobado pola Xunta e que amosa "unha imperfección técnica en canto a grao de precisión que impide a súa aplicación automática”, polo que insta o Executivo galego a “modificalo para precisar o reparto de responsabilidades de cofinanciamento”. Mentres tanto, a sentenza do alto tribunal galego considera necesario que o Goberno asine convenios de colaboración coas distintas deputacións de cara a cofinanciar entre ambas as dúas administracións os servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A sentenza afectaría a maioría dos 67 concellos da provincia de Lugo, agás á cidade de Lugo e vilas coma Monforte, Sarria ou Vilalba, que superan os 20.000 habitantes. Antonio Veiga afirma que “a sentenza vén dicir que o decreto 99/2012 de Servizos Sociais aprobado pola Xunta é unha auténtica chapuza”, sentenciou.

A Deputación estuda mecanismos legais para reclamar á Xunta "os cartos que adebeda aos lucenses desde 2012"

Tal e como destaca a Deputaicón, o TSXG "dá a razón" á entidade provincial e maniféstao "en reiteradas ocasións na sentenza". Por este motivo, a Deputación está xa a estudar os posibles mecanismos legais para reclamar á Xunta "os cartos que adebeda aos lucenses dende 2012".

Segundo avanzaron tanto o vicepresidente nacionalista, Antonio Veiga, como o voceiro socialista, Manuel Martínez, a Deputación de Lugo estuda presentar novas accións legais porque "agora haberá que aclarar canto tiña que ter achegado a Xunta desde o 2012 para servizos sociais na provincia de Lugo”, insistiron. "Son cartos que Feijóo debe aos lucenses e ás lucensas, porque non son cartos para a Deputación de Lugo, senón cartos para servizos sociais nos concellos da provincia de Lugo", dixo Antonio Veiga, mentras Martínez insistía en preguntar, a raíz da sentenza, “onde están os cartos da Xunta para servizos sociais de 2012, 2013, 2014 e 2015?”

A entidade provincial di que tivo que achegar un 30% máis para Benestar nos Orzamentos para "suplir o que a Xunta non puxo"

Ademais, o responsable da área de Benestar da Deputación explicou que a institución provincial tivo que poñer este ano un 30% máis para Benestar Social nos seus Orzamentos para "suplir o que a Xunta tiña que poñer e non pon". Puxo como exemplo o servizo de axuda no fogar, para o que a Deputación aporta en solitario 700.000 euros.

Veiga fixo fincapé en que “as necesidades sociais aumentan e máis nestes tempos de crise”, polo que “os recortes da Xunta do señor Feijóo afectarían a moitos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo se non fose pola Deputación, que incrementou este ano os seus Orzamentos para servizos sociais de 3,4 a 4,5 millóns de euros.


Feijóo asinou convenios con todas as Deputacións agás coa de Lugo

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, lembrou, pola súa banda, que “Feijóo negouse a asinar un convenio coa Deputación de Lugo, que si asinou coas restantes deputacións galegas, para financiar os servizos sociais na provincia luguesa". "Todo isto, a pesares das reiteradas reclamacións que lle fixemos desde 2012, e de ata redactarlle un borrador de convenio, que por suposto lle enviamos, sen obter resposta ningunha", dixo.

Pese a darlle a razón á Deputación nos seus argumentos, o TSXG desestima o recurso presentado pola institución provincial lucense, ao entrar a xulgar unicamente a potestade legal da Xunta na aprobación deste Decreto e non “a actuación da Xunta de Galicia en relación coa aplicación do mesmo”, polo que o organismo provincial está a estudar tamén a posibilidade de recorrer esta sentencia no Tribunal Supremo.

Veiga e Martínez, na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.