O Valedor reclama á defensora europea que defenda o naval galego ante a UE

Porta dos estaleiros Barreras © CIG-Metal

O Valedor do Pobo móllase polo naval e pide á defensora do pobo europeo que defenda o sector ante as institucións europeas. José Julio Fernández Rodríguez vén de dirixirse á súa homóloga na UE, e recentemente nomeada, Emilly O'Reilly, para que actúe ante os organismos europeos en defensa do sector naval galego. "Acudimos ante a súa institución como órgano imparcial e supervisor da actividade as institucións e órganos da Unión Europea, solicitándolle o inicio das actuacións de investigación cara a dirimir a posible vulneración dos principios de boa administración por parte da Comisión Europea no exercicio do cumprimento do dereito comunitario sobre competencia", explica na súa comunicación.

O Valedor pide á defensora que "dirima a posible vulneración dos principios de boa administración por parte da Comisión Europea"

Fernández Rodríguez, Valedor do Pobo en funcións, cualifica de "dramáticas" as posibles repercusións económicas e sociais que a devolución do tax lease suporía para o sector naval e o conxunto da sociedade galega na carta remitida a O'Reilly. O defensor galego xa iniciou unha queixa de oficio tras a apertura do expediente sancionador contra España e diríxese agora á Defensoría Europea para lle demandar que "cumpra coas súas competencias de control da Comisión Europea e interceda polo naval galego ante esta dificultosa situación".

"Entendemos que, no contexto concreto deste expediente, obsérvanse indicios de que a Comisión Europea pode non estar respectando os principios básicos de boa administración polo que consideramos oportuno interesar a actuación do Defensor do Pobo Europeo respecto ao mesmo", explica José Julio Fernández no seu escrito.

"Entendemos que se observan indicios de que a Comisión pode non estar respectando os principios básicos de boa administración"

Ademais, o Valedor rebate a oposición da Comisión Europea baseándose en cinco argumentos. No primeiro deles explica que a participación como investidor no esquema de deducións fiscais do tax lease "non estivo legalmente limitada a residentes do Estado español, senón que permaneceu aberta a calquera investidor comunitario que tivo a posibilidade de integrarse nas agrupacións de interese económico beneficiarias deste réxime polo que parece difícil afirmar o carácter selectivo das axudas fiscais postas en dúbida".

Do mesmo xeito, destaca tamén que os beneficios fiscais derivados do tax lease "non se recoñecen exclusivamente a agrupacións de investidores que financien a construción de buques en estaleiros españois", senón que está "contemplada igualmente para a fabricación de navíos en establecementos situados no resto do territorio da Unión Europea". Ademais, o Valedor tamén repara no feito de que a posible devolución das axudas por parte dos beneficiarios, se eventualmente estas son consideradas contrarias ao dereito da Unión Europea, "supón unha creba patente do principio de confianza lexítima e unha ruptura da seguridade xurídica que debe amparar a toda persoa, física ou xurídica, nun estado de dereito".

O Valedor lembra que a participación como investidor no esquema de deducións fiscais "non estivo limitada a residentes de España"

"O artigo 14 do Reglamento (CE) nº 659/1999 do Consello contempla expresamente que a Comisión poderá renunciar de oficio a esixir a recuperación das axudas cando esta sexa contraria a un principio xeral do dereito comunitario; e iso é o que deberá chegar pasar, se a axuda se declara ilegal, neste caso", explica o Defensor galego, que insiste en que "debe recordarse que os beneficiarios das deducións accederon ás mesmas amparados na legalidade vixente e que todas e cada unha das operacións realizadas contaron coa autorización expresa e individualizada da Axencia Tributaria española.

"Resulta francamente difícil admitir desde unha posición coherente coa tutela dos dereitos do administrado, que este deba reintegrar, varios anos despois da súa concesión, o importe dunhas deducións fiscais ás que accedeu cumprindo con todos os requisitos marcados pola lei", engade.

Por outra banda, o Valedor considera "fundamental" que a Comisión Europea poida actuar "con discrecionalidade na defensa da libre competencia e na persecución das distorsións do mercado interior", pero considera que para que o exercicio deste poder non xere arbitrariedade resulta igualmente esencial "debe haber un respecto escrupuloso dos dereitos dos administrados". "E no expediente do tax lease naval español a protección destes dereitos queda en dúbida", manifesta José Julio Fernández.

"Neste caso non se trata de que, de acordo cunha consolidada pero discutible práctica comunitaria, as empresas deban corresponsabilizarse da recepción de axudas cando o Estado que as concedeu non cumpriu coa obriga formal de notificalas debidamente á Comisión", senón que no asunto do tax lease, engade, "a situación de desprotección dos beneficiarios é aínda máis aguda posto que a Comisión alega que as eventuais axudas concedidas pola administración española son só parcialmente ilegais, ao exceder os parámetros establecidos no punto 11 das Directrices comunitarias sobre axudas de Estado ao transporte marítimo, que foron á súa vez consideradas coma axudas legais".

"Obrigar un operador económico a determinar que parte da axuda é conforme ao dereito comunitario ou non é desproporcionado"

Segundo a institución galega, "obrigar a un operador económico a realizar o xuízo material de determinar que parte da axuda recibida é conforme ao dereito comunitario e que parte non o é, resulta desproporcionado; sobre todo se temos en conta que cada operación foi visada e autorizada pola Agxencia Tributaria do Estado membro, neste caso España".

Xa por último, Fernández cre que a confianza lexítima dos operadores económicos beneficiarios das deducións "viuse ademais reforzada pola aceptación do esquema que fixo en diversas comunicacións a anterior comisaria da Competencia, así como polo feito de que a Comisión non reaccionase ante a denuncia formulada en maio de 2006 ata o mes de xuño de 2011, dando a entender -coa súa inactividade durante cinco anos- a validez do sistema". "Nun caso idéntico, a propia Comisión admitiu tanto a súa responsabilidade á hora de xerar un fumus bonis iuris por relación a unha axuda de Estado como a consecuente necesidade de exonerar aos beneficiarios da devolución da mesma", insiste.

Por todo o exposto, o Valedor do Pobo remitiu o argumentario a súa homóloga na Unión Europea co obxecto de que estude toda a documentación e inicie as actuacións de investigación que lle corresponden co obxecto de "dirimir a posible vulneración dos principios de boa administración por parte da Comisión Europea".

O Valedor entrégalle o seu informe á presidenta do Parlamento © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.