Dende hai 36 anos todos os meses de outubro celébrase a cea de gala do Congressional Hispanic Caucus (Asociación de congresistas e políticos hispanos dos EEUU), no marco do chamado mes da hispanidade, que conmemora as bases e influencia hispana nos Estados Unidos. A esta cea, que se celebra na Casa Branca presidida polo presidente, acude a elite empresarial, política e económica del país. O menú escóllese con coidado cada ano, tanto a comida para a bebida e, sobre todo, a escolla dos viños para o encontro convértese sempre en noticia. Para Galicia, moito máis nesta ocasión.
O escollido para a cea que se celebrará este 2 de outubo é Peza do Rei, un tinto da Ribeira Sacra, elaborado por Bodegas Cachín, e que nos últimos tempos xa foi recollendo numerosos recoñecementos, e entre outros, a súa colleita de 2008 obtivo 91 puntos en The Wine Advocate, a lista de viños máis influínte do mundo. Tamén recibiu recentemente o premio Bacelo de Prata pola Asociación Álvaro das Casas.
Así pois, Obama e os seus prestixiosos convidados beberán viño galego. E etiquetado en galego, como destaca a Irmandade Galega de Adegueiros e o Foro E. Peinador. Para a entidade, "esta nova vén confirmar o acerto do noso discurso galeguizador da economía e da etiquetaxe dos produtos en lingua galega".
Cesar Enríquez, creador deste viño, destaca que a escolla supón un recoñecemento "para toda a Ribeira Sacra e a súa Denominación de Orixe". Sinala que a elección pode supor unha importante plataforma para que os viños da Ribeira Sacra acaden un meirande recoñecemento no mercado estadounidense.