Luz, gas ou trasporte son tan só a punta iceberg das últimas subidas de prezos en bens e servizos en España. Son tamén as máis salientábeis dos últimos meses, cando menos do que vai de 2012, xa que supoñen, segundo sinalaron a Praza Pública as principais asociacións de consumidores, un “ataque” ás economías domésticas en plena crise.
Estes incrementos (que superan o 7% no caso no recibo de electricidade) chocan de fronte, a ollos da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e de Facua-Consumidores en Acción, coa suba salarial media do 0,5% pactada no mes de xaneiro por patronal e sindicatos.
Para OCU, a suba máis alarmante é a da tarifa eléctrica, que neste mes de abril se incrementará un 7%, o que supón un gasto engadido de entre 30 en 75 euros mensuais para as familias
Para OCU, a suba máis alarmante é a da tarifa eléctrica, que neste mes de abril se incrementará un 7%, o que supón un gasto engadido de entre 30 en 75 euros mensuais para as familias, fortemente asediadas pola crise económica e laboral. Con preto de cinco millóns de persoas sen emprego, case dous millóns delas sen ingreso algún, segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), Facua estima que cada fogar pagará 30,5 euros máis de luz cando remate o mes de abril.
A OCU denuncia que España é o país de Europa no que acender a chave da luz sae máis caro
Ademais, dende o inicio da crise no ano 2008, a factura de electricidade rexistrou unha suba superior ao 61%, segundo sinalan dende OCU, que denuncia ademais que España é o país de Europa no que acender a chave da luz sae máis caro. Dende Facua, que cualifica a suba de luz e gas como “un ataque inxustificado ás economías familiares”, solicitan, ao igual que OCU, unha “revisión e reforma” do sistema eléctrico, que poña en debate o modelo de déficit tarifario que, aseguran en Facua, “pagan os consumidores, que non son os verdadeiros culpables”.
Os expertos de ambas asociación falan dun claro risco de “desequilibrar” a balanza de gastos e ingresos dos fogares
Nesta situación de suba de prezos de bens e servizos básicos, que se combina con unha práctica conxelación dos salarios e a taxa de desemprego máis alta da historia de España, os expertos de ambas asociación falan dun claro risco de “desequilibrar” a balanza de gastos e ingresos dos fogares, onde, o que leva consigo, “necesariamente”, unha rebaixa “moi importante” do gasto das familias noutros servizos.
Transporte
A Comunidade de Madrid, pola súa banda, ven de anunciar a suba do billete do trasporte urbano e interurbano (tanto o de bus como o de Metro) no que se deu en chamar xa “tarifazo”, un “verdadeiro golpe” para as economías domésticas da capital, que, para o presidente de Facua na comunidade, Jesús Vela, “é un golpe económico irreparable”. Segundo as estimacións de OCU, o gasto anual por familia usuaria de trasporte medrará entre 200 e 360 euros cada ano, menos do que subiron os salarios en 2012. Para Facua, a solución a este “abuso” reside en que a Administración central e autonómica busque formas “menos lesivas” de aumentar os ingresos.
Para Jesús Vela, perseguir a fraude fiscal en España sería “un xeito de castigar aos infractores e aumentar os ingresos do Estado sen tocar aos máis débiles”
Para Jesús Vela, perseguir a fraude fiscal en España sería “un xeito de castigar aos infractores e aumentar os ingresos do Estado sen tocar aos máis débiles”. “A Bolsa de fraude é unha lacra para a economía española, que sen embargo, segue a buscar a solución en aumentos inxustificados dos servizos que xeran unha forte retracción do consumo”, apunta.