Operarios do naval volven saír á rúa e piden a dimisión do alcalde de Ferrol

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

O naval volveu saír este mércores á rúa para reclamar máis carga de traballo nos estaleiros, así como solucións á grave crise que leva sufrindo o sector desde hai anos. Máis de 3.000 obreiros de Navantia e empresas auxiliares marcharon pola mañá desde a factoría ata o Concello de Ferrol, onde pediron a dimisión do alcalde, José Manuel Rey Varela, tras rodear o edificio.

Os traballadores advirten de que despois do verán xa non haberá traballo ningún en Navantia

A falta de traballo e de información clara sobre os floteis de Pemex volven acabar coa paciencia duns traballadores que lembran que nas gradas dos estaleiros apenas hai actividade e a falta de expectativas tras o verán. Ante este negro panorama, os operarios reclaman que se aclare e se axilicen os encargos coa petroleira estatal mexicana, dos que aseguran non saber nada aínda, así como que se adxudique dunha vez por todas o prometido dique flotante.

Os operarios solicitan a dimisión do alcalde de Ferrol se non empeza a presionar en Madrid

Ademais, os traballadores lembran que por cada semana de atraso co flotel, pérdense entre 150 e 200 traballos na comarca. Mentres, o PP segue prometende que os dous buques de Pemex se construirán en Galicia, malia que está pendente un concurso para a licitación e a pesar das dúbidas que provocan as últimas informacións chegadas desde México e o feito de que o contrato sexa en realidade cunha filial norteamericana e non coa matriz.

Xa que logo, comezar os traballos no primeiro trimestre deste ano xa semella imposible, segundo denuncia o comité, que lamenta o escurantismo de Xunta e Goberno central sobre estes contratos e sobre o sector naval en xeral. O vindeiro luns celebrarase a comisión de seguimento do dique flotante. Para o vindeiro mes de febreiro espérase, ademais, unha gran concentración en Compostela.

Manifestación do naval en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.