Os afectados polas preferentes levan a protesta a Sanxenxo

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra

Unha fin de semana máis, os e as afectadas pola estafa das preferentes saen á rúa, mesmo sendo agosto e con temperaturas que convidan a estar nas praias. O obxectivos é que a súa reivindicación nin se esqueza nin arrefeza. E como xa fixeron hai dúas semanas, cando se manifestaron de forma masiva (máis de cinco mil persoas) en Baiona, este sábado levarán a protesta a Sanxenxo, continuando a estratexia xa enunciada de manifestarse “onde veranean os banqueiros”. A marcha comezará ás once da mañá e os seus organizadores, a coordinadora galega de plataformas de afectados, esperan reunir un número semellante de manifestantes que en Baiona.

Es venres oito concentracións en varias cidades e vilas (Santiago, A Coruña, Pontevedra, Vigo, O Grove, Sanxenxo, Cangas e A Guarda) quenceron a convocatoria e conseguiron pechar de forma pacífica varias sucursais de Novagalicia Banco. Os concentrados, varias ducias en cada unha das convocatorias e un número superior en Vigo, rexeitaron de novo a fórmula da arbitraxe proposta polo Goberno galego e protestaron contra os plans da Comisión europea, especificados no acordo do rescate bancario, de aplicar unha substancial quita (de entre o 50 e o 70 por cento) ao valor dos investimentos nas entidades intervidas, como Bankia ou NGB.

En definitiva, as concentracións, o mesmo que a manifestación deste sábado, esixiron a devolución íntegra dos cartos depositados nestas entidades, pois consideran que a arbitraxe só serviría para que se lle devolvesen os cartos aos casos máis extremos. A pasada semana o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, anunciou que xa había 26 laudos arbitrais "con solucións favorables aos consumidores".

 

ADICAE alerta da "incerteza" da arbitraxe

ADICAE (a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas de Aforro e Seguros de Galicia) está asesorando aos seus asociados afectados polas súas preferentes, informándoos das dúas vías abertas (a arbitraxe e a demanda xudicial, que non son compatibles) e facilitando os procesos administrativos para aquelas persoas que queiran acollerse á arbitraxe, aínda que sinalando reiteradamente que é unha vía moi incerta, pois depende das propias entidades financeiras decidir que solicitudes de arbitraxe acepta e cales non. Ademais, sinala que NovaGaliciaBanco "xa indicou que porá problemas para entregarlle ao consumidor os contratos e outros documentos necesarios antes do día da arbitraxe".

En setembro ADICAE decidirá se persoarse na demanda interposta pola Fiscalía ou se interporá unha semellante, cos expedientes das persoas que nestes meses lle foron remitindo a súa documentación

En setembro ADICAE decidirá se persoarse na demanda interposta pola Fiscalía ou se interporá unha semellante, cos expedientes das persoas que nestes meses lle foron remitindo a súa documentación. Nesta demanda ADICAE pediría a devolución de todos os cartos investidos polas persoas afectadas e que estean incluídas na demanda.

Por mor da incompatibilidade entre as dúas vías ADICAE recomenda que só soliciten a arbitraxe "quen de verdade queiran chegar até o final por esta vía", pois "pedir arbitraxe para logo incluírse na demanda é todas luces contraproducente".

Imaxe da concentración que tivo lugar este venres pola mañá na Guarda © @RubenSimoCa
Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.