As entidades bancarias sométense ao código de bo goberno corporativo ou crean departamentos de responsabilidade social, pero nada impide que teñan sociedades en paraísos fiscais ou que teñan unha política de comunicación ben opaca. Agora os bancos e caixas van ter outro código de conducta, non vinculante, co que o Goberno pretende suavizar as condicións hipotecarias que padecen millóns de familias en España. O ministro de Economía, Luis de Guindos, elevou esta iniciativa a rango de lei cando só será un catálogo de recomendacións.
A lei será modificada para cambiar unha definición: a do colectivo en exclusión social
A nota de prensa do ministerio di o seguinte: "Economía anuncia medidas para solucionar el problema de los desahucios". O Goberno central apunta, asemade, que o que propuxo esta mañán Luis de Guindos foron "cambios normativos" de cara a solucionar os desfiuzamentos. Pero non será así. A lei será modificada para cambiar unha definición: a do colectivo incluído no limiar de exclusión social. Nesta situación estarán as unidades familiares con todos os seus membros en paro e cuxa vivenda obxecto de execución sexa primeira e única residencia. "En todo caso, estableceranse as cautelas necesarias para evitar situacións de abuso ou fraude".
De Guindos misturou o cambio normativo (dunha definición) coa problemática da dación en pagamento
Isto é, a comparecencia de De Guindos misturou o cambio normativo (dunha definición) coa problemática da dación en pagamento. Este segundo aspecto non se modificará por lei. O Partido Popular xa votou en contra, durante a pasada lexislatura, de varias mocións que solicitaban a implantación desta posibilidade, existente nos Estados Unidos. "Recóllese tamén a posibilidade de permitir a dación como medio liberatorio da débeda para os mesmos casos de exclusión social. Haberá un período de carencia para o desaloxo da vivenda que podería situarse en dous anos, prorrogable en determinadas circunstancias, nos que o debedor satisfaría unha renda á entidade", apunta a nota oficial do Ministerio. Nada que ver, xa que logo, co titular que se coñeceu este mediodía.
En calquera caso, este código de boas prácticas será de adopción voluntaria.