O compoñente financeiro é, segundo múltiplas análises, un dos trazos diferenciais máis evidentes entre a crise económica que estourou en 2008 e episodios precedentes. No caso do Estado español as entidades bancarias que se expandiran ao abeiro da liberalización do solo e das anexas alegrías crediticias tiveron que frear en seco o seu crecemento mentres se descubrían os seus graves problemas, caso por exemplo dos detectados nas grandes caixas galegas, que propiciaron a súa fusión e a súa posterior intervención, bancarización e venda ao venezolano Banesco. Nestes anos bancos e caixas pecharon en Galicia un terzo das súas oficinas, con maior intensidade nas cidades pero prexudicando especialmente o rural.
As entidades financeiras remataron 2008 con 2.535 sucursais en territorio galego. Era o resultado dun crecemento sostido durante a anterior media década que daba lugar a unha cifra de oficinas practicamente idéntica á de 1999, cando o país contaba con 2.539 oficinas xusto antes da fusión de Caixavigo, Caixa Ourense e Caixa de Pontevedra, que deu lugar a Caixanova, así como antes de varias reestruturacións na banca española.
A finais de 2015 funcionaban en Galicia 1.719 oficinas, 816 menos que en 2008
No ano 2009 as entidades pecharon máis de 100 oficinas e a partir de 2010, ano da fusión de Caixanova e Caixa Galicia, os peches gañaron en velocidade. A finais de 2012 os peches xa superaban o medio milleiro e no remate do pasado ano, segundo o Banco de España, permanecían abertas en Galicia 1.719 oficinas, isto é, 816 menos que no ano 2008.
Por concellos
Entre A Coruña e Vigo as entidades pecharon máis de 200 sucursais e nunha corentena de municipios do rural xa non hai ningunha
O maior número de peches de oficinas deuse, obviamente, nas localidades que tiñan un maior número delas, as sete cidades. Segundo os datos de peches a nivel municipal -dispoñibles só ata 2014-, Vigo rexistrou 112 peches e A Coruña 110. Séguenas Ourense, con 45 sucursais pechadas, Santiago e Pontevedra, con cadanseus 33 peches, Lugo, onde pecharon 27 e Ferrol, con 19. En termos relativos o impacto foi maior nalgunhas vilas medias: no Porriño, por exemplo, pecharon as súas portas 13 das 24 sucursais coas que contaba, e en Vilagarcía deixaron de funcionar 12 das 30 que tiña.
Ao carón de grandes vilas nas que a reestruturación do sector supuxo o peche de practicamente a metade das súas oficinas, caso de Lalín, Carballo ou Marín, sitúanse pequenos concellos do rural, especialmente no interior de Ourense, onde a fin das caixas galegas ou dos bancos Pastor e Gallego como entidades independente trouxo consigo a desaparición dunha das dúas entidades que funcionaban no municipio. Nunha ducia de casos, estas mudanzas implicaron sumar o concello á lista de localidades sen ningunha oficina bancaria; isto foi o que sucedeu en concellos como Arnoia, Baltar, Monterrei ou Xunqueira de Ambía, entre outros, ata acadar 39 concellos sen ningunha sucursal.
Concellos con peches de oficinas dende o inicio da crise. Selecciona o teu concello ou procúrao no buscador para coñeceres os datos
Mentres pechaban oficinas os bancos rexistraron máximos históricos de depósitos da poboación galega
A vaga de peches non supuxo, nin de lonxe, que a poboación galega depositase menos fondos nos bancos. Como informou Praza Pública, os datos máis recentes indican un máximo histórico de depósitos bancarios no país, con máis de 57.700 millóns de euros a finais do primeiro semestre do pasado ano. Esta incremento na tendencia ao aforro e a reiterada caída nos créditos bancarios provocou xa que a fenda entre cartos prestados e cartos depositados acadase en Galicia un máximo histórico, cunha diferenza superior aos 13.000 millóns de euros entre ambos indicadores.