Os contratos temporais fan descender o paro en Galicia en 6.700 persoas

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Maio adoita ser un bo mes para o emprego, principalmente no sector servizos e na construción, e este non foi unha excepción. De feito, pódese dicir que foi o mellor mes de maio en moitos anos, cun descenso total do número de 111.916 persoas inscritas como demandantes de emprego en toda España (até as 4.572.385), e de 6.700 en Galicia (até as 263.444). En termos interanuais o descenso é de 20.442 persoas en Galicia e de 318.543 no conxunto do Estado.

Desta volta o descenso no número de demandantes de emprego non se debe ao abandono desta búsqueda, senón que hai un boa cifra de contratos e novas afiliacións á Seguridade Social

Desta volta, ademais, o descenso no número de demandantes de emprego non se debe ao abandono desta búsqueda, senón que hai un boa cifra de contratos e novas afiliacións á Seguridade Social. No conxunto do Estado houbo 198.320 novas afiliacións e, delas, 5.808 en Galicia, que por primeira vez en moito tempo acada cifras positivas en termos interanuais (cun saldo positivo de 3.128). É, de feito, o mes de maio cun maior descenso do paro dende 1996 e o maio con maior afiliacións dende 2005.

Tan só o nove por cento dos contratos de traballo en Galicia son indefinidos

Até aquí as boas novas. O comportamento positivo do emprego no mes de maio adoita deberse en boa medida ás actividades de tempada, sobre todo no sector servizos, a través da hostalaría e o ocio, tamén da construción, e algo da agricultura. E, polo tanto, a taxa de temporalidade nos contratos asinados neste mes é mesmo superios á xa moi elevada proporción deste tipo de contratacións. No conxunto do Estado, o sesenta por cento dos novos contratos corresponden ao sector servizos, e outro vinte por cento ao da construción. No sector industrial o desemprego só caeu en 14 mil persoas. En Galicia, de igual xeito, case a metade do descenso do desemprego corresponde ao sector servizos (3.034 persoas) e máis da cuarta parte ao da construción (1.837 persoas); o descenso do desemprego no sector industrial, iso si, é superior á media española (1.423 persoas). En Galicia asináronse en maio 4.850 contratos, a maior parte deles temporais. Tan só o nove por cento dos contratos de traballo en Galicia son indefinidos.

En Galicia só 141.386 dos 263.444 parados e paradas inscritas reciben algún tipo de prestación, o 53,66% do total

Ademais, mellora o emprego pero empeora a protección social: no conxunto de España a taxa de cobertura do sistema de desemprego sitúase no 57,9%, tres puntos menos que hai un ano (61,2%). En Galicia só 141.386 dos 263.444 parados e paradas inscritas reciben algún tipo de prestación, o 53,66% do total. Deles, 65.265 reciben unha prestación contributiva (cunha contía media de 797 euros mensuais), 63.282 unha prestación asistencial (426 euros mensuais), e 12.839 a renda activa de inserción. É dicir, só a cuarta parte dos parados e paradas galegas cobra unha prestación contributiva; o resto son na súa maioría desempregados e desempregadas que levan nesta situación máis dun ano, como lembraba UGT no recente informe A crise e as desigualdades.

 

Reaccións dos sindicatos

A gran temporalidade dos contratos o descenso da proporción de persoas desempregadas que contan con algunha prestación económica centran as críticas dos sindicatos galegos

A gran temporalidade dos contratos o descenso da proporción de persoas desempregadas que contan con algunha prestación económica centran as críticas dos sindicatos galegos, coñecidos os datos de emprego relativos ao mes de maio. Para a CIG, os datos poñen de manifesto "as graves consecuencias que para as condicións laborais e de vida das traballadoras e traballadores galegos tiveron as reformas laborais: cada vez hai máis contratación temporal e cada vez é menor a porcentaxe de persoas desempregadas con dereito a prestación". O secretario confederal de Emprego da central nacionalista, Miguel Malvido, sinala que o peso da contratación indefinida caeu dun 9,8% en abril a un 7,9% en maio. “Nós xa advertimos de que as medidas que se estaban a introducir coas sucesivas reformas laborais non só non ían favorecer a creación de emprego senón que ademais provocarían o que xa está pasando: que o pouco emprego que se crea é precario”, subliñou.

Pola súa banda, a secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, chama atención sobre o feito de que "a creación de emprego é puramente estacional", xa que o 92,05% dos novos contratos en Galicia son temporais. Para Bouza, esta contratación temporal "non se traducirá na creación de emprego neto, que é o que precisa o país". A secretaria de Emprego de CCOO considera que co actual ritmo de crecemento da afiliación á seguridade social "tardaríamos case catro anos en reducir o desemprego". Na súa opinión, isto débese "á falta de políticas que favorezan a creación de postos de traballo, situación que tamén provoca que o número de parados de longa duración cada vez sexa maior".

Finalmente, UGT alerta da elevadísima taxa de desemprego que aínda presenta Galicia e lembra que hai 115.235 parados e paradas máis que en maio de 2007. Tamén sinala que o desemprego de longa duración se está a converter "nun mal estrutural" pois hai 128.758 parados e paradas sen ningún tipo de cobertura, "co forte risco de exclusión social que isto supón". O sindicato subliña que a cronificación dos parados de longa duración leva ao Estado a aforrar mensualmente en Galicia 26,4 millóns de euros en materia de prestacións, o que vai supoñer a finais de ano superar os 300 millóns. UGT-Galicia demanda que esta cantidade debe destinarse a políticas activas de emprego e a mellorar as coberturas económicas e o acceso ás prestacións.

Vista dunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.