Os datos esvaecen o diferencial positivo de Galicia no paro, que sobe en 7.500 persoas

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

O paro volve subir tras o verán e faino de maneira especial en Galicia, onde suma 7.492 desempregados máis que no mes anterior (+2,87%) e 413 máis que hai un ano (+0,15%), un incremento interanual que se converte en descenso no conxunto do Estado e que serve ao Goberno central para presumir de datos. En España, hai 87.028 parados máis que en setembro (+1,84%) pero o desemprego baixa un -0,46% con respecto a outubro de 2012.

O paro sobe en Galicia máis dun punto máis que no Estado e o descenso interanual de España contrasta co incremento na autonomía

O aumento porcentual do paro no último mes é máis dun punto superior no país que no conxunto do Estado. O diferencial positivo que Galicia mantiña en canto á España esvaécese e a evolución do número de desempregados empeora, máis aló da crecente emigración que tamén se está a cebar especialmente co país. Mentres o paro descendeu en máis de 22.000 persoas no último ano, o primeiro descenso interanual rexistrado desde maio de 2007, o número de desempregados en Galicia medra en máis de 400 cidadáns. Desde o Executivo central xa insisten en destacar que esta baixada interanual contrasta "co forte aumento rexistrado nos meses de outubro ao longo da crise, cunha media de incremento de 557.000 persoas", asegura Fátima Báñez, ministra de Emprego, que tamén destaca que nos dez primeiros meses do ano, o paro reduciuse en máis de 37.000 persoas, "o maior descenso acumulado desde 2006".

Tan só en catro comunidades o incremento do paro é maior que o de Galicia

Xa que logo, en Galicia o número de desempregados inscritos nas oficinas de emprego elévase a case 270.000 persoas (268.225 persoas) e no Estado, a 4.811.383. No caso da comunidade, os datos son especialmente negativos tamén se os comparamos co resto de territorios. Tan só en catro autonomías o incremento do paro é maior que no país: Baleares (+13,93%), Castela-A Mancha (+6,9%), Cantabria (+5,42%) e Aragón (+3,42%).

A Xunta recoñece que os datos son "unha mala noticia" pero aclara que "ao igual que non hai triunfalismo cando baixa" o paro, tamén hai que ser prudentes agora, tal e como dixo o vicepresidente Alfonso Rueda. 

 

Mantense a temporalidade

O final do verán e a estacionalidade dos empregos explican tamén este novo aumento do paro en outubro, superior en Galicia se o comparamos co conxunto do Estado. De feito, dos 7.492 novos desempregados máis que hai no país, máis do 80% sitúanse no sector servizos (6.022), ao tempo que o traballo se destrúe en todos os sectores, agás no da construción, onde cae en 289 persoas. Na industria, o paro aumenta en máis de 1.100 persoas, un dos peores datos dos últimos meses no sector.

Tan só o 7,7% dos contratos rexistrados en Galicia en setembro foron indefinidos

O mes pasado rexistráronse en Galicia 73.423 contratos, o que supón un aumento do 6,25% en relación ao mes anterior e do 5,58% respecto a hai un ano. No entanto, tan só o 7,68% destes contratos son indefinidos, fronte ao 92,32% temporais, polo que a estabilidade non mellora. A evolución é semellante á do conxunto do Estado, onde se rexistraron máis de millón e medio de contratos, un 10,8% máis que hai un ano, e onde o 92,5% dos asinados en setembro foron temporais.

Por provincias, o maior aumento relativo no número de desempregados produciuse en Pontevedra, cun incremento do 4,14% e 4.262 parados maís, fronte ao +2,89% de Lugo (746 parados máis), o +2,54% de Ourense (715 parados máis) e a suba do 1,7% máis da Coruña, onde hai 1.769 desempregados máis que hai un ano. Por sexos, en Galicia hai 128.748 homes en paro, polas 139.477 mulleres.

Galicia tan só conta con pouco máis de 921.000 afiliados á Seguridade Social

En canto á afiliación á Seguridade Social, no Estado rexistrou un aumento medio de 54.927 afiliados respecto ao mes de setembro, un 0,34% máis, co que total de ocupados se sitúa en 16.360.373 cotizantes ao finalizar o mes. En Galicia, a taxa interanual de afiliación media rexistrou o pasaso mes un descenso do -2,51% (superior ao descenso medio estatal do -2,25%), o que supón 23.741 afiliados menos que hai un ano e un número medio de afiliados que se sitúa nos 921.322 persoas.

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.