Os empregados da Xunta esixen a retirada da publicidade e reclaman o uso de software libre

Elena Muñoz, titular de facenda, rematará de xestionar a campaña © Xunta

"Hai que parar este atraco!" Así introducen os empregados públicos da Xunta de Galicia un comunicado que trata de respostar ao anteproxecto de lei que pretende aprobar Alberto Núñez Feijóo. Unha batería de medidas, decididas nas distintas asembleas de traballadores que se produciron durante esta semana, coas cales se podería reducir en 80 millóns de euros o gasto corrente da administración. Exactamente a mesma cantidade que pretende recortar o presidente do Goberno galego, mais sen "atentar" contra os dereitos dos empregados públicos.

En primeiro lugar, os traballadores da Función Pública reclaman a "redución dos altos cargos e persoal eventual do Gabinete", así como a "racionalización dos seus salarios". Tal e como indican, "só lle estamos pedindo que non cobren máis do que cobra o empregado público mellor remunerado". Unha das históricas reivindicacións dos empregados da Xunta que, polo de agora, non foi atendida. Tamén reclaman, en segunda instancia, a "suspensión de toda subvención aos medios de comunicación privados".

Publicidade

Os traballadores da administración inclúen tamén, entre as medidas de recorte, a "retirada das campañas de publicidade e propaganda institucional inútil". Tal e como publicou Praza Pública, a Consellería de Facenda vén de anunciar a licitación dun concurso de publicidade de 800.000 euros para pedir "austeridade" aos cidadáns galegos. Chaman tamén á atención sobre o excesivo gasto en software, e piden a súa substitución por un sistema libre.

"Non queren austeridade? Pois ímoslla dar!", apuntan desde as asembleas. Todas elas, como informaron os catro sindicatos da Función Pública, estiveron moi concorridas durante toda esta semana. Nas mesmas tamén se mencionou a posibilidade de suprimir "todas aquelas asistencias técnicas que fagan traballo que poda ser desenvovido por persoal propio", de maneira que se manteña emprego público e, ao seu entender, se aforren cartos.

Entre o resto de propostas que veñen de anunciar está tamén a "universalización das dietas", a "supresión dos soldos vitalicios" dos expresidentes da Xunta ou o control das "ausencias non xustificadas" dos deputados do Parlamento de Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.