Os emprendedores galegos mandan "á merda" a César Alierta e o seu "a crise rematou"

César Alierta e Alberto Núñez Feijoo, o pasado luns en Compostela © Xunta

O pasado luns César Alierta, presidente do Consejo Empresarial para la Competitividad (CEC) e de Telefónica, afirmou en Compostela que "a crise rematou claramente en España". Dixo tamén que “están entrando cartos” porque “a xente ve que é un país de oportunidades”. As súas palabras, polo seu optimismo desaforado e sen matices foron recibidas con estupor nun país con seis millóns de parados e no que os salarios descenden. Non era o primeiro, semanas antes Emilio Botín sinalara que "está chegando diñeiro a España por todas partes".

Unha e outra afirmación foron respondidas de inmediato por partidos políticos e sindicatos, así como por expertos e outros colectivos e entidades sociais. Agora son os emprendedores galegos os que retrucan, cun durísimo editorial publicado na web da Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA). O texto comeza afirmando que non é que a crise rematara en España, senón que a crise acabou con España e salienta que "todo o bo que coñeciamos marchou polo sumidoiro nestes máis de cinco anos e estamos reconfigurando a nosa mente para facer bo o que antes era normal e normal o que era malo".

Engaden que "seguimos nadando no fondo dunha piscina que apenas contén un palmo de auga, insuficiente para que algo flote dentro dela" e din que "dende arriba non son conscientes da merda na que vivimos, non a cheiran, non teñen que chapotear nela e, con todo, pretenden aínda pescar ao 'arrastre' importándolles pouco ou nada se o que cae na súa rede é o derradeiro bocado de aire que aos do fondo nos quedaba para respirar".

Sinalan que "as pequenas empresas e os autónomos xa expiamos a nosa culpa se é que algunha vez fomos culpables de algo, agora queremos ver como o fan outros"

Tamén sinalan que "as pequenas empresas e os autónomos xa expiamos a nosa culpa se é que algunha vez fomos culpables de algo, agora queremos ver como o fan outros". E din que "poderiamos seguir coas metáforas pero imponse a crúa realidade do autónomo que non ten como pagar a hipoteca da súa casa e ve como o banco o sangra con comisións de descuberto que, como areas movedizas, o van enterrando a medida que loita para pagalas".

O texto péchase dicindo que "podemos convidar o señor Alierta e aos que son coma el a compartir as nosas augas fecais, esas nas que as pemes e os autónomos estamos a afacernos a morrer". "Podemos dicirlle 'Señor Alierta, veña á nosa merda' pero seguro que nos trabucaremos ao elixir as palabras e acabaremos dicíndolle 'Señor Alierta, váiase vostede, e o final da súa crise, á merda', conclúen.

César Alierta e Alberto Núñez Feijoo, o pasado luns en Compostela © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.