Os ERE dispáranse en Galicia

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Dispáranse os despidos por ERE en Galicia. O número de traballadores afectados por algún tipo de expedientes de regulación de emprego aumentaron un 43,2% até xullo no país e subiron até os 16.428, fronte aos 11.472 rexistrados entre xaneiro e xullo do ano pasado, segundo os datos feitos públicos polo Boletín de Estatísticas Laborais do Ministerio de Emprego.

O número de afectados por ERE aumentou un 43% até xullo en Galicia

Por outra banda, no conxunto do Estado, o número de traballadores afectados por ERE autorizados polas autoridades laborais ou comunicados ás mesmas aumentou un 55,3% no sete primeiros meses do ano en comparación co mesmo período de 2011. Hai que ter en conta que, logo da reforma laboral aprobada polo Goberno do PP, xa non fai falta autorización para aplicar un expediente. En concreto, en España un total de 271.835 persoas víronse afectadas por un ERE até xullo, en contraste cos 174.964 que estiveron implicadas nunha regulación de emprego durante o sete primeiros meses de 2011.

Até xullo, os expedientes de regulación de emprego autorizados ou comunicados aumentaron un 72,4% en comparación co mesmo período de 2011, até sumar 19.879, fronte aos 11.529 do sete primeiros meses do ano pasado.

O número de ERE autorizados ou comunicados incrementouse un 85,3% en Galicia

No caso de Galicia, o número de ERE autorizados ou comunicados ascendeu a 1.488, o que supón un aumento do 85,3% en relación aos sete primeiros meses do ano pasado. Do total de traballadores afectados, 1.928 víronse incluídos nun ERE de extinción, o que supón un descenso do 9,23% en relación ao mesmo período de 2011.

Ademais, outros 10.667 traballadores víronse afectados por un expediente de regulación de emprego de suspensión, o que representa un aumento do 36,67%, mentres que sobre 3.833 aplicouse un ERE de redución de xornada, o que supón multiplicar por 2,5 o número do ano anterior. Deste xeito, o 64,93% dos traballadores afectados por un ERE en Galicia entre xaneiro e xullo enfrontáronse a un expediente de suspensión, fronte ao 11,74% ao que se lle aplicou un de extinción e ao 23,33% ao que se lle aplicou un de redución de xornada.

Un traballador do naval en Vigo CC-BY-NC-ND Salvador Moreira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.