Os "faraónicos" portos exteriores "fan o ridículo"

O 'Adelaide', xa embarcado na ría de Vigo © Mar de Ons

"A doce quilómetros dos estaleiros de Navantia construiuse o flamante porto exterior de Ferrol, no Cabo Prioriño, cun investimento de 183 millóns de euros". "A 32 quilómetros dos estaleiros de Navantia construiuse o aińda máis flamante porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, cun orzamento inicial de 479 millóns de euros que se disparou ata rozar os 1.000 millóns". A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) expón deste xeito o panorama marítimo do noroeste galego, no que se erguen dous portos exteriores con vistas a un ao outro. As dúas "faraónicas" infraestruturas, di a organización, veñen de "facer o ridículo".

Hai poucos días os estaleiros ferroláns, tan próximos a ambos portos, despediron o buque de asalto anfibio Adelaide, encargado pola mariña de Australia á empresa pública. Unha vez construído, o buque tiña que ser embarcado nunha plataforma, a Blue Marlin, para ser transportado ata Australia, onde se lle anexarán os compoñentes que lle faltan. No verán de 2012 xa se descartou que esta operación se realizase no novo porto de Ferrol porque "resulta inservible para o embarque dos buques que Navantia é quen de producir", di a SGHN, e tentouse realizar en punta Langosteira. "Pero, posteriormente, Navantia admitiu que houbo problemas na complicada operación de embarque".

Tras tentar facelo na Coruña, o 'Adelaide' tivo que ser embarcado na ría de Vigo

"Vistos os problemas cos faraónicos portos exteriores galegos -relata a Sociedade-, para o embarque do Adelaide o director industrial de Navantia explicou que se elixiu 'o mellor sitio de Galicia para facer esta operación': a ría de Vigo". Así as cousas, censuran, o enorme buque "paseouse por diante dos portos exteriores de Ferrol e da Coruña e navegou remolcado 215 quilómetros ata as tanquilas augas" viguesas, onde a operación vén de concluír con éxito. "Para isto precisábamos dous portos exteriores, supostos portos refuxio, un a carón do outro?", pregúntanse.

A incerteza para o futuro

"Na vindeira emerxencia marítima, que lugar se empregará como porto refuxio?"

Nesta conxuntura a SGHN ve pertinente lembrar os "moi fachendosos" augurios lanzados dende instancias oficiais no inicio das obras en punta Langosteira, segundo os cales "ía resistir ondas de 20 metros, que se forman cada 140 anos". "Pero apenas seis anos despois, en novembro de 2010, o temporal Becky xa provocou importantes danos en 200 metros do seu dique", entre outros incidentes que, ademais xa custaron vidas humanas de operarios que traballan na construción. Máis aínda, "despois de axudar a financialo, a propia Unión Europea ve ineficaz o investimento en Langosteira" e no Tribunal de Contas Europeo xa ven "a obra coruñesa tan grande como inútil". "Se o custo económico foi xigantesco -agrega a SGHN-, o impacto paisaxístico e medioambiental non quedou atrás".

Así as cousas, o buque australiano parte xa rumbo ao seu destino e as dúbidas seguen a poboar o futuro destas infraestruturas. "Na vindeira emerxencia marítima, cun deses petroleiros que acostuman a provocar mareas negras nas nosas costas, que lugar da beiramar galega se empregará como porto refuxio?", pregúntase a Sociedade. Mentres, en punta Langosteira a actividade é mínima e a incerteza, moita. Pero xa proliferan os percebes.

Obras do porto exterior coruñés © faltadeingeneria.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.