Os gandeiros arráncanlle a Feijóo un compromiso para subir o prezo do leite

Feijóo e Rosa Quintana CC-BY-NC-SA Xunta

Pacto importante. Logo dunha hora de xuntanza, os tres principais sindicatos agrarios e a Interprofesional Láctea asinaron un acordo co presidente da Xunta mediante o cal o Goberno galego se compromete a que os gandeiros deixen de ter que vender o leite por debaixo dos custos de produción. Segundo este documento, o Executivo galego será a "garantía" de que as industrias paguen a partir de xaneiro un importe maior ás explotacións a partir de xaneiro.

Os tres sindicatos valoraron, tras a reunión, o compromiso da Xunta e, particularmente, o do propio Feijóo, que foi "moito máis aló" que os acordos aos que chegaron industria, distribuidoras e Consellería de Medio Rural hai unha semana. A titular do departamento do Goberno, Rosa Quintana, explicou que o Executivo intensificará a vixilancia sobre a industria e a distribución para impedir que se venda leite a perdas. Xa que logo, evitar que, como ata o de agora, os gandeiras vendan por 29 céntimos o litro, fronte aos 35-36 céntimos que lles permitirían, cando menos, cubrir custos.

O Executivo di que intensificará a vixilancia sobre a industria e a distribución para impedir que se venda leite a perdas

"Débese aproveitar a capacidade de influxo político e de presión das ferramentas de inspección da Xunta para garantir que se cumpra co compromiso de que partir de xaneiro os prezos se asimilen aos custos", asegurou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, satisfeito co acordo, pero que advertiu de que na xuntanza deste venres "non estivo nin a industria, nin a distribución, que son os que deben concretar o pacto". Sería aí onde a Xunta debería facer valer o seu poder. Para García, a importancia do pacto reside no feito de que calquera incumprimento del sería tamén "o incumprimento" do presidente Feijóo.

Do mesmo xeito, Francisco Bello, líder de Xóvenes Agricultores, destacou tamén a importancia de que o acordo leve "o aval" de Núñez Feijóo, mentres que a responsable do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, advertiu que é "moi urxente" que este pacto "se concrete" xa nos vindeiros días ante a gravidade da situación dos gandeiros.

De feito, Feijóo comprometeuse a defender ante o Estado a necesidade de que a futura lei do sector impida claramente á industria e á distribución exercer prácticas que obriguen a vender por baixo dos prezos de custo, así como evitar que o leite se empregue como produto reclamo.

"Non quero falar de prezos, pero si dicir que precisamos valorizar o produto; desde a Xunta traballaremos para revalorizar máis o noso produto", resumiu Quintana, que insistiu que arranxar a situación de grave crise das explotacións gandeiras galegas é "unha prioridade" para o Goberno. Entre as medidas acordadas inclúense outras como intentar dispor a disposición dos gandeiros máis hectáreas de terreo para forraxes. Será unha das cuestións que se aborde a partir do vindeiro luns en grupos de traballo nos que tamén estará presenta a Administración.

Isabel Vilalba, do SLG, pediu tamén "o apoio" do Executivo galego para que nestas xuntanzas se poidan desenvolver índices que permitan que a conformación do valor do leite se produza de abaixo a arriba -das explotacións á distribución- "para que non sexa ruinioso" para os gandeiros.

Manifestación de gandeiros diante do Parlamento CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.