"A folga só está suspendida temporalmente". Os gandeiros galegos deron por "aprazado" o paro de entrega de leite que iniciaron na medianoite do martes e advirten que volverán mobilizarse e a reiniciar a folga se non hai avances nos vindeiros quince días tras o principio de acordo alcanzado coa Administración e as industrias na noite do mércores.
"A folga só está suspendida temporalmente"
Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Xóvenes Agricultores, convocantes do paro, informaron nas diferentes asembleas do achegamento de posturas e estas ratificaron a decisión das centrais, que darán unha marxe de tempo á Xunta, á industria e á distribución para plasmar os acordos alcanzados para aumentar progresivamente o prezo pagado aos gandeiros polo leite e que este importe cubra os custos de produción, así como que se estableza unha base legal para que calquera venda do produto por debaixo de custo sexa sancionable.
A decisión de deter o paro foi maioritaria pero non unánime
Malia que a proposta de suspender a folga foi apoiada maioritariamente, os sindicatos recoñecen a Praza que houbo "algunha diferenza" nas diferentes asembleas celebradas en Lugo, Teixeiro, Arzúa, Ordes, Vilalba ou A Estrada. "Había quen estaba convencido de continuar o paro e quen non quería continuar polas enormes perdas que lle supuña", recoñece Roberto García, secretario xeral de UUAA, que ve normal que a decisión non fose completamente unánime. Hai tamén quen, no caso de recuperar as mobilizacións, opta por "radicaliar" as protestas, pero evitando máis perdas económicas nas explotacións.
A suspensión da folga de entregas é "un xesto" co que os sindicatos pretenden facilitar a negociación entre as partes, co obxectivo último de lograr a normalización do sector lácteo particularmente en Galicia. Aínda así, os gandeiros e as centrais advirten que de non haber pasos nos próximos días, o domingo, e celebrada a primeira reunión co presidente da Xunta, o sector produtor volverá ás protestas sen descartar nada.