Os sindicatos agrarios celebran o “compromiso” adquirido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para trasladar “como Goberno galego” ao Executivo central as reivindicacións do sector co obxectivo de mellorar a próxima Lei de Cadea Alimantaria, especialmente no que se refire á formación de prezos.
Logo da reunión da Mesa do Leite, presidida polo propio xefe do Executivo galego, os representantes de Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) acordaron darlle “unha marxe de confianza” á Xunta polo “compromiso” de Feijóo de trasladar as súas reivindicacións ao Estado. No entanto, seguen reclamando “unha actuación política” ante a tardanza dos trámites lexislativos para rematar coa discriminación xa histórica que sofren os gandeiros galegos, que reciben os prezos máis baixos de España e da UE polo seu leite mentres seguen a incrementarse os custos de produción.
Os sindicatos celebran o "compromiso" da Xunta e piden unha "actuación política" contra a discriminación dos gandeiros galegos
Así o manifestou o secretario xeral de UUAA, Roberto García, que advirte do “momento histórico” que afrontan os gandeiros e que ve esperanzas no “claro compromiso” da Xunta por “priorizar os intereses” dos produtores nos vindeiros trámites legais e “rematar así” coa discriminación do campo galego.
Carme Freire, secretaria xeral do SLG, tamén fala de “oportunidade histórica” coa próxima Lei para que “dunha vez por todas” se regule o mercado do leite a nivel estatal, unha reclamación de hai anos xa, e para que se remate "coa extorsión das industrias e das distribuídoras”. Ademais da regulación comercial, Freire pide “un prezo xusto que se constrúa de abaixo a arriba”. Pola súa banda, Francisco Bello, de XXAA, insistiu no obxectivo de “mellorar a situación de milleiros de explotacións” galegas que reciben un prezo por baixo dos custos de produción e que rolda os 0,30 euros por litro ou incluso menos nalgúns casos.
As organizacións ven na Lei de Cadea Alimentaria "unha oportunidade histórica" para "rematar coa extorsión das industrias e das distribuidoras"
O responsable da Asociación de Empresas Lácteas, Pedro Ramos, tamén ve neste “un momento importantísimo no sector” pola posibilidade de dispor “dalgúns medios” que poidan “corrixir algunhas dificultades”. Ademais, censurou a perda de valor grandísima dos produtos lácteos e do leito por mor de “produtos terminados que chegan de fóra a prezos que non coinciden cos pagados polo leite nos países de orixe”.
A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou o “satisfactorio” da xuntanza entre Administración, sindicatos e patronal polo compromiso da Xunta de “defender os intereses” dos gandeiros galegos. “En canto teñamos o borrador da Lei de Cadea Alimentaria a analizaremos co sector para facer propostas consensuadas entre o sector produtor e a industria galega e transmitirllas ao Goberno do Estado”, dixo Quintana, que lembra que a Xunta xa está en negociacións con Madrid.
A próxima semana haberá outra xuntanza na que se consensuarán as peticións conxuntas que farán chegar ao Executivo central.