Os prezos mundiais dos alimentos estabilízanse en agosto

Campo de trigo CC-BY-NC-SA Dudua

"Estamos empatados". Así resumiu o director xeral da FAO, o brasileiro José Graziano da Silva, a situación dos prezos mundiais dos alimentos. Mentres que algúns produtos como os cereais subiron de prezo, outros como o azucre baixaron de xeito inesperado. O responsable da axencia da ONU para agricultura asegurou que este dato é "tranquilizador", e afastou a posibilidade de que se produza unha crise alimentaria mundial a curto prazo como a que tivo lugar en 2008. Porén, da Silva pediu non baixar a garda "porque o xogo non rematou"

O custe destes produtos mantívose estable logo de dispararse as alarmas o mes pasado ante un repunte do 6% do Índice de Prezos dos Alimentos. Este indicador elaborado pola FAO recolle o custe de 55 produtos básicos como os cereais, a carne, o aceite ou o arroz. Na situación actual o Índice atópase por debaixo do nivel de agosto de 2011 e lonxe do de hai catro anos

A suba de prezos de xullo debeuse aos problemas nos países produtores.

A principial causa deste aumento foi a seca que viviron grandes países produtores. Estados Unidos, principal cultivador de millo, e Rusia, Ucraína e Kazakistán, grandes exportadores de trigo. O millo emprégase para elaborar biocombustíbeis e pensos, pero ao caer a produción americana houbo que recorrer ao trigo. 

A meteoroloxía adoita estar detrás do inicio das crises alimentares, e xa hai perspectivas de que as secas serán máis frecuentes e intensas a medida que avance o cambio climático. "Temos que prepararnos para vivir nun mundo cada vez máis inestábel", alertou Laurent Thomas, director xeral para a cooperación da FAO.  

Thomas e da Silva insistiron en que as vítimas das subas dos prezos dos alimentos son sempre os máis pobres. O director xeral da axencia fixo especial fincapé na situación que viven varios países africanos, sobre todo os da zona do Sahel e o Corno de África. Nun recente comunicado, da Silva e os directores do Programa Munidal de Alimentos e do Fondo Internacional para o Desenvolvemento Agrícola alertaban de que cada vez que os prezos dos alimentos soben un 10% cómpren 200 millóns de dólares adicionais de axuda internacional.  

 

Mellor preparados 

Graziano da Silva destacou que o mundo está "máis preparado que en 2008" para evitar e afrontar unha crise alimentar. O director xeral da FAO asegurou que hai unha mellor coordinación internacional a través de organismos como o Sistema de Información do Mercado Agrícola (AIMS), creado hai un ano polo G-20, e que o contexto tamén mudou.

A especulación tivo un papel menos relevante no repunte dos prezos deste ano que no 2008, grazas sobre todo á presión da sociedade civil, apuntou o responsábel da axencia. De momento as reservas de alimentos fundamentais doutras partes do mundo, como o arroz, son máis altas que as de hai catro anos e os prezos dos fertilizantes para a agricultura tamén son máis baratos

O futuro dos prezos depende da colleita do hemisfeiro sur.

Cuestionado sobre a evolución futura dos prezos, o brasileiro da Silva recorreu ao fútbol para afirmar que o xogo "non rematou", porque cómpre agardar ao resultados da colleita do hemisferio sur. O director xeral da FAO agarda que non haxa problemas sempre e cando a produción sexa a habitual e non aumente a especulación. Por outra banda, Laurent Thomas pediu incrementar a produción de alimentos axudando a os pequenos agricultores alí onde se poida, e citou a Brasil como un dos países con maiores potencialidades. 

"A ver se o vindeiro mes podemos traer mellores novas", concluíu da Silva. 

Evolución do prezo dos alimentos © FAO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.