Os sindicatos de NCG aplauden a fianza dos ex directivos pero piden "ir máis aló"

Consello de administración de NCG Banco, con Mauro Varela, segundo pola esquerda © NCG

Os sindicatos CCOO, UGT e CIG aplaudiron este mércores as fianzas impostas polo xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno a catro ex directivos de Novacaixagalicia polo cobro de indemnizacións millonarias e que ascende a máis de dez millóns de euros logo de que atopase "indicios de criminalidade suficiente" na actuación dos antigos xestores.

Así o manifestou o secretario xeral de CIG-Banca, Clodomiro Montero, que anunciou tamén a central nacionalista estuda xa sumarse á causa aberta na Audiencia Nacional. Durante a manifestación contra os despedimentos nas entidades bancarias, Montero cre tamén que "hai que ir máis aló" e reclamou unha comisión de investigación que estude a fusión das caixas galegas e que sirva para depurar responsabilidades políticas.

"Non cabe que responsables políticos que estiveron nos consellos de administración das caixas pretendan seguir na actividade política"

"Non cabe que responsables políticos que estiveron nos consellos de administración de Caixa Galicia ou de Caixanova pretendan seguir na actividade política", denunciou Montero con claridade, para engadir que a situación actual "é máis grave que a operación Pokemon". Tamén o secretario xeral de UGT en Novagalicia Banco, José María del Pliego, denunciou que na causa aberta non están implicados "todos os responsables" da situación das entidades financeiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.