Os sindicatos de Novagalicia chaman a unha manifestación masiva o vindeiro sábado

Concentración de traballadores de NCG CC-BY-NC-SA CIG

Os sindicatos de Novagalicia Banco veñen de facer un chamamento ao conxunto dos traballadores da entidade galega para que o vindeiro sábado se manifesten en Santiago de Compostela a partir das 12 horas na Alameda. Ademais, solicitan que os empregados "asistan coa familia", mentres que as centrais advirten tamén de que están a traballar para "conseguir o máximo apoio social" á marcha.

Os sindicatos pretenden "conseguir o máximo apoio social" á marcha

Así, aseguran que haberá autobuses para facilitar o desprazamento á capital galega, polo que animan a anotarse antes do vindeiro mércores, ao tempo que traballan para que se poidan desprazar traballadores desde outros lugares con presenza importante das antigas caixas, como Asturias, León ou Madrid.

De feito, segundo apuntan, "haberá autobuses desde os mesmos lugares que na convocatoria da asemblea". Os sindicatos pretenden que a marcha sexa masiva e que amose o rexeitamento frontal dos empregados aos plans de Novagalicia que prevé 2.058 despidos nos vindeiros catro anos, 930 deles neste 2013.

Os sindicatos critican a "prepotencia" dos directivos e aseguran que os seus avogados fixeron bromas durante a reunión na que comunicaron o número de despidos

Nun comunicado conxunto, os sindicatos critican a "actitude prepotente" que, segundo aseguran, mantiveron os directivos do banco durante a reunión do pasado venres, unha xuntanza preparatoria do novo expediente de regulación de emprego (ERE) na entidade. "Incluso os seus avogados externos fixeron bromas ao longo da reunión, cando o que pretenden é arruinar a vida de 2.508 familias", censuran, polo que cualifican estes feitos de "indignante".

Baixo o título Despedir, despedir, despedir e despedir até o 2017, o texto conxunto dos sindicatos relata con detalle o ocorrido no encontro e fai fincapé na idea de que a dirección se presentou na reunión co único obxectivo de cubrir un formalismo legal". "Non queren negociar", denuncian as organizacións sindicais, que xa expresaron o pasado venres o seu malestar por recibir como documentación tan só un só folio con dúas táboas nos que se detallaban o número de despedimentos.

Xa que logo, os sindicatos advirten de que a empresa "pretende iniciar xa a tramitación do ERE, en principio o 14 de xaneiro, para poder despedir dentro dun mes". Ante esta situación, lembran que decidiron a convocatoria dun paro parcial para ese día, de 12 a 12.30 horas, na primeira xornada dun calendario que irán facendo público "segundo evolucionen os acontecementos".

Concentración na Coruña, diante da sede do Banco de España © CIG
José María Castellano e César González-Bueno, na rolda de prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.