Os sindicatos de Novagalicia piden que se venda xa a entidade

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Que poxen xa a entidade e que os traballadores teñan así "uns interlocutores diferentes" á hora de abordar a reestruturación de Novagalicia Banco. Así o aseguron os sindicatos da entidade, que están rotundamente en contra do plan xa presentado pola entidade e que implica máis de 2.000 despidos nos vindeiros catro anos e o peche de case 330 oficinas nos próximos dous exercicios.

Os sindicatos din non crer xa na viabilidade do proxecto actual de Novagalicia e optan por que se venda

Logo dunha xuntanza cos responsables de planificación e recursos humanos de NGB, os sindicatos aseguran xa non crer na viabilidade do proxecto, polo que optan porque a entidade sexa vendida canto antes. As centrais accederon este martes á documentación na que se detallan os plans de Novagalicia -en inglés e sen copia para eles- nos que o único que se detalle son, unha vez máis, o número de despidos e o peche de oficinas. Pouco máis sacaron en claro, polo que urxen a José María Castellano a que se dirixa ao FROB para que acepte a poxa inmediata do banco galego e non nos prazos alongados que veñen marcados desde Bruxelas e que, denuncian, serán impostos sen negociación aos empregados.

Os sindicatos volverán ser chamados esta semana para poñer fin ás xuntanzas previas ao inicio da negociación do ERE. Pero non confían en avance ningún, polo que apostan decididamente por outra alternativa que pasa por outros donos e outros representantes cos que negociar.

O que si segue en pé son as protestas. Os traballadores manifestaranse o vindeiro sábado 12 en Compostela, dous días antes de que, o máis seguro, comece o período de consultas para o ERE. Ademais, a estas protestas únense outras noutros puntos dos Estado. De feito, os 17 delegados sindicais de CCOO de Cataluña en Novagalicia Banco veñen de iniciar un peche de 24 horas na oficina de Gran Vía en Barcelona para protestar contra o ERE previsto.

Primeiro equipo directivo de Novagalicia, aínda con Varela e Gayoso © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.