Os sindicatos dos autobuses logran falar coa Xunta tras pecharse nas súas sedes

Peche nas instalacións da Dirección Xeral de Mobilidade, en Santiago CC-BY-NC-SA CIG

Primeiro contacto pola vía do peche e en ausencia da conselleira. Galicia viviu este mércores a cuarta xornada de folga de autobuses, de novo cun paro practicamente total -as empresas admiten que a mobilización foi "masiva, superior ao 80%- e un día máis sen xuntanzas formais do Goberno galego co sector. Neste clima de éxito mobilizador e parálise negociadora a principal novidade cheogu pola banda sindical, que decidiu dar "un paso adiante" con peches simbólicos de piquetes informativos en sedes da Xunta na Coruña, Santiago e Pontevedra, chegando no caso compostelán a existir unha conversa directa co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

"A conselleira só fala a través da prensa, pero non dá a cara ante os traballadores", resumía nas oficinas de Mobilidade Inácio Pavón, da CIG. Mentres a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reiteraba a postura gobernamental nunha entrevista na TVG o piquete acudiu á Xunta cunha premisa, explica Pavón: "ou nos ven polas boas ou polas malas", xa que se algo está claro para "todas as partes" é que "existe un abismo a partir do 5 de agosto" e por iso, reitera, é necesario que o Executivo convoque a todas as partes á mesma mesa e ceda na súa teima de negociar só por separado.

A xuntanza co director xeral, "breve e forzada", non serviu para "avanzar nada" na solución do conflito, lamentan as organizacións sindicais. Maestro limitouse a "manter os postulados que vén defendendo a Consellería" e a asumir o compromiso de transmitirlle á propia Ethel Vázquez a reclamación de encontros a tres bandas. Así e todo, a conselleira reitera que esa posibilidade é tan "inviable" como a retirada do plan de transporte que defende o seu departamento. Ese encontro tripartito "xa se tivo" e só serviu para evidenciar, asegura, que os "intereses" de patronal e sindicatos son "contraditorios", mantén.

Posible endurecemento das protestas

"A Consellería está conseguindo reforzar a vontade do persoal para secundar os paros", din os sindicatos

Ante as mostras de que a Xunta non ten intención de "mover a súa posición", en verbas do voceiro de CC.OO. na área do transporte, Marcos Pérez, as centrais sindicais non desbotan incrementaer a intensidade das mobilizacións. "As protestas de hoxe son un toque de atención; por moito que se negue a abrir canles de diálogo, a folga non vai ir a menos", advirte Xesús Pastoriza, responsable de transportes da FGAMT-CIG. "A Consellería está conseguindo reforzar a vontade do persoal para secundar os paros" e por iso, avanza, CIG, UGT e CC.OO. preparan xa unha nova xuntanza para "avaliar as catro xornadas de folga" que xa transcorreron e, antes do inicio dos paros da vindeira semana, "estudar novas accións mobilizadoras".

"A pasividade da Xunta pode responder a un interese por deixar morrer as pequenas empresas do sector", afirma a patronal

Mentres paira sobre o sector a posibilidade dunha folga indefinida, as tres federacións de empresas que representan o groso do sector, Anetra, Fegabús e Transgacar -a cuarta, Fegatravi, diríxea un ex-subdirector de Transporte da propia Xunta- lamentan que o "conflito estea a endurecerse sen que a Xunta reaccione". "Esta pasividade da Administración -din nun comunicado- pode responder a un interese específico por deixar morrer a rede de pequenas empresas do sector galego" co "obxectivo final de favorecer a algunha firma multinacional das que dominan a actividade" dos autobuses en todo o Estado.

"A esta crenza contribúe a sucesión das mensaxes que se lanzan dende a Consellería para defender o plan contra todo e contra todos" e que "van mudando ou desaparecendo segundo se destapa a súa disparidade coa realidade". As federacións empresariais, aseguran, están "dispostas a colaborar", pero para iso a Xunta ten que volver dialogar e abandonar a "operación de imaxe que iniciou a conselleira coa comparecencia conxunta co seu homólogo de Castela e León, pretendendo asimilar modelos de transporte integrado distintos e residuais doutras comunidades co que se pretende implantar en Galicia" e igualar "realidades sociais moi diferentes".

Plataformas baleiras e autobuses estacionados na estación da Coruña durante a cuarta xornada de folga CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.