Os sindicatos maniféstanse ante as patronais contra a ruptura da negociación colectiva

Manifestantes ante a sede empresarial de Vigo Dominio Público @UGTPSAVigo

Os tres principais sindicatos de Galicia manifestáronse este venres ante as sedes das confederacións de empresarios das principais vilas e cidades do país para denunciar a paralización da negociación colectiva con motivo de aplicación da reforma laboral. Centos de persoas acudiron á convocatoria de CIG, CCOO e UGT, que denuncian que esta modificación lexislativa, "contestada amplamente na folga xeral do 29 de marzo", xunto á crise económica está a causar "a paralización e ruptura do marco de negociación colectiva construído nos últimos 35 anos".

"A eliminación da negociación colectiva contribúe ao empobrecemento da poboación e ao deterioro da economía"

Segundo, as tres centrais sindicatis, "a aposta do PP por destruír este marco mediante a reforma laboral está contribuíndo ao empobrecemento da poboación e a un deterioro máis acusado e acelerado da economía". "Provoca a caída dos dereitos laborais, precariedade e un descenso do consumo que conduce ao peche masivo de pequenas e medianas empresas coa conseguinte multiplicación do desemprego", destacan.

Ademais, os sindicatos destacan que esta reforma "busca a individualización das relacións laborais e a estratificación dos convenios a ámbitos de empresa, o que orixinará unha situación de competencia feroz e desleal entre empresas, premiando a aquelas que precaricen as condicións de traballo".

Ao igual que denunciara o Consello Galego de Relacións Laborais, os sindicatos advirten da perda de poder adquisitivo dos traballadores

Recordan tamén, ao igual que fixera o Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), que o proceso de renovación dos convenios "está practicamente paralizado" pola "decisión política de determinadas asociacións empresariais de sector" que "levan ao límite a vixencia e ultraactividade dos convenios". Para CCOO, UGT e CIG, esta situación ocasiona "o retroceso de dereitos e salarios", uns datos corroborados polo informe do CGRL, que advertía da perda de poder adquisitivo dos traballadores galegos.

Os sindicatos, que manteñen a súa unidade de acción desde hai meses, insisten na defensa do actual marco de negociación colectiva, xa que é "un dos piares básicos das relacións laborais". "Hai que lembrar que a través da negociación colectiva conquistamos moitos dos dereitos laborais e salariais", lembran.  "Non permitiremos a destrución do marco de negociación colectiva, a desregulación das condicións de traballo, o empobrecemento da clase traballadora e o incremento da precariedade", rematan.

Manifestantes ante a sede empresarial de Vigo Dominio Público @UGTPSAVigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.