Carlos Cruzado é o presidente dos Técnicos de Facenda (Gestha), moi críticos coa amnistía fiscal do Goberno, cuxo prazo remata este venres con poucas perspectivas de acadar o obxectivo de recadar 2.500 millóns. Cruzado reclama máis recursos e cambios na Axencia Tributaria para levar a cabo unha loita eficaz contra a fraude fiscal, que teña no centro de mira os grandes patrimonios e empresas, e non os pequenos contribuíntes.
O venres remata a amnistía fiscal. A pesar dos esforzos do Goberno por convencer os defraudadores, non parece que os datos sexan bos, que podemos esperar?
O ministro Montoro está moi optimista estes días, pero o certo é que os datos que fixo públicos a Axencia Tributaria son moi malos. Até xullo, dicían que se conseguiron 50,4 millóns en dous meses. Até outubro, non se chegaría nin a cen millóns recadados. Aínda que aínda falta por coñecer os datos de outubro e novembro fáisenos difícil que se poida chegar aos 2.500 millóns. Ademais, tal e como se desenvolveu todo o proceso, hai un cúmulo de confusións que quizais estea a facer que a xente que podería estar interesada teña medo.
"É un agravio para os contribuíntes que cumpren coas súas obrigacións e pode levar a unha desafección fiscal, a que a xente pense que xa chegará a amnistía e que sae máis a conta defraudar"
En Gestha fostes moi críticos con esta amnistía, por que?
Para nós roza a inconstitucionalidade, vai contra o principio de igualdade e de progresividade, que son os que deben de rexer o sistema tributario segundo o artigo 31 da Constitución. É un agravio para os contribuíntes que cumpren coas súas obrigacións e pode levar a unha desafección fiscal, a que a xente pense que xa chegará a amnistía e que sae máis a conta defraudar. Non só se condonan as sancións, senón que se dá un trato fiscal moito máis beneficioso ao defraudador que ao contribuínte, porque pagar un 10% [o tipo que contempla a amnistía] está moi lonxe do mínimo da escala do IRPF, que é o 24,75%. Tamén hai un informe de expertos da Comisión Europea no que desaconsellan este tipo de iniciativas porque son máis os resultados negativos, en canto a falta de conciencia fiscal e desafección, que os positivos.
Ademais, existe o risco de que se estea utilizando esta amnistía para branquear diñeiro procedente de actividades delituosas. O Goberno insiste en que non van facer comprobacións das declaracións e se nin sequera se comproba de onde vén ese diñeiro poderíase estar a facilitar que algunhas mafias estean branqueando. Tampouco se esixe que se repatrie este diñeiro, co cal podes ter un capital ou unhas accións nun paraíso fiscal, pagar o 10% que che ofrece a amnistía pero non traer a España ese diñeiro.
Que medidas alternativas propondes vós?
Cando o Goberno anunciou a amnistía fiscal dixo que era unha alternativa á subida do IVE, pero meses despois tamén se produciu esa subida. Para nós, a alternativa a esta amnistía é incrementar a loita contra a fraude. Non podemos esperar a que veñan os defraudadores a regularizar o que queiran, o que hai que facer é ir por eles. Hai que incrementar os medios e modificar sobre todo a forma de actuar da Axencia Tributaria, que está máis centrada na supervisión de clientes controlados, de ingresos de rendas do capital e de pequenos empresarios que na investigación e inspección das grandes bolsas de fraude.
"Hai que incrementar os medios e modificar sobre todo a forma de actuar da Axencia Tributaria, que está máis centrada na supervisión de clientes controlados, de ingresos de rendas do capital e de pequenos empresarios que na investigación e inspección das grandes bolsas de fraude"
Ten a Axencia Tributaria suficientes recursos para levar a cabo unha loita efectiva contra a fraude?
En España, o cociente de empregados da administración tributaria por habitante é dun por cada 1.928, mentres que a media da OCDE é de 1 por cada 900. É dicir, temos menos da metade dos medios cos que contan os países da OCDE de media. Se falamos de investimento en loita contra a fraude en relación ao PIB, estamos tamén á cola da OCDE.
Non é só iso. Dentro da Axencia, a maioría deses efectivos tampouco se usan na loita contra a fraude. Segundo os nosos datos, as maiores bolsas de fraude residen nos grandes patrimonios e grandes empresas, e con todo os medios que se dedican ao control e a inspección destes colectivos non chegan ao 20% do total de efectivos. O 80% dos efectivos dedícanse ao cruzamento de datos, á comprobación de discrepancias nas declaracións respecto dos datos que hai. Isto é o que lle estamos pedindo á Axencia que cambie, que traslade a lupa destes contribuíntes á gran fraude.
Pedides tamén máis competencias para loitar contra a fraude...
Así é, somos 8.000 técnicos no Ministerio de Facenda e consideramos que temos funcións moi limitadas, cada vez máis nos últimos anos. Dicimos que temos as mans atadas fronte á fraude. Deberiamos ter máis competencias para dedicarnos máis á investigación dos grandes patrimonios e empresas que aos contribuíntes do IRPF e as rendas do traballo.
O Goberno anunciou a creación dunha Oficina de Fiscalidade Internacional para evitar as planificacións tributarias que fan grandes empresas e coas que ao final conseguen pagar moi poucos impostos, parécevos suficiente?
Dise que se vai dotar con 50 efectivos, así que parece que quedará máis nunha oficina de estudo e asesoramento, pero dificilmente terá un labor executivo e resolto en loitar contra este fenómeno, que é dos que máis dano fai ao Estado. Polo menos é positivo que se diagnostique o problema, que se fale destas operacións, que non son tanto fraude senón elusión fiscal. Que Apple ou Microsoft paguen un 3% ou un 4% de impostos implica que estas empresas se basean na falta de coordinación entre as distintas normativas estatais e aproveitan as súas lagoas. Este problema require dunha solución global, en Europa e na OCDE.
"Que Apple ou Microsoft paguen un 3% ou un 4% de impostos implica que estas empresas se basean na falta de coordinación entre as distintas normativas estatais e aproveitan as súas lagoas. Este problema require dunha solución global, en Europa e na OCDE"
Ao mesmo tempo que España anuncia a creación desta oficina, publicita a enxeñería financeira no exterior para atraer grandes empresas, non é isto manter un dobre discurso sen ir ao fondo do problema?
Exacto, nós estamos a competir con outros estados que poden considerarse paraísos fiscais dentro de Europa, como Irlanda, que ten moitos convenios con algúns paraísos fiscais e que ten a fiscalidade de sociedades máis reducida, ou como Países Baixos. España tamén achega o seu gran de area: existe unha figura, as entidades de tenencia de valores estranxeiros, que está regulada no imposto de sociedades e que é unha ferramenta de empresas radicadas fóra de España para acabar tributando moi pouco diñeiro.
En que consiste esta figura?
A través destas sociedades, empresas non domiciliadas en España quedan exentas do pago de calquera tipo de rendemento ou dividendo que poidan ter nas súas filiais. É unha figura que habería que suprimir. Como as Sicav, que están establecidas como unha sociedade de investimento colectivo pero que, con todo, se permite que a utilicen persoas ou grupos familiares para eludir o pago de impostos durante anos. O que hai que facer é modificar as normas para que non se poidan usar estas estratexias.
"Se comparamos as medianas empresas coas moi grande dáse o paradoxo de que, a pesar de que as grandes pagan o 30% nominal e as pemes o 25%, ao final son as pemes as que pagan eses cinco puntos de máis"
Habería tamén que modificar o Imposto de Sociedades?
Dentro do imposto de sociedades hai moitas posibilidades para ao final non tributar polos beneficios obtidos, así que hai marxe. Critícase moito que este imposto (do 30%) está por encima da media, pero é un tipo nominal. Como consecuencia de todas as bonificacións e deducións, os tipos efectivos que pagan as grandes empresas están sobre o 10 ou o 11%. Se comparamos as medianas empresas coas moi grande dáse o paradoxo de que, a pesar de que as grandes pagan o 30% nominal e as pemes o 25%, ao final son as pemes as que pagan eses cinco puntos de máis.
Un exemplo é que o tipo efectivo que pagan as empresas que facturan máis de mil millóns de euros non chega ao 17%, mentres que o que pagan as pemes sobre bases impoñibles está no 20 ou o 21%. As grandes aproveitan moito máis as deducións que as pequenas e pagan menos impostos. Para compensar esta situación e achegar o seu esforzo fiscal ao das familias, consideramos que habería que aumentar o imposto en cinco puntos para as que teñan beneficios superiores ao millón de euros. Poderíanse recuperar preto de 14.000 millóns anuais con esta subida.
Por que non se fan todos estes cambios? Non hai vontade política?
Si, nunca a houbo, nin polos anteriores gobernos nin de momento por este. É un fenómeno que se xa é grave, neste momento de crise é esencial. No momento en que se están subindo impostos que afectan as clases medias e baixas non hai unha clara demostración de querer atallar a gran fraude. Na zona do euro, somos o país, despois de Grecia, que máis nivel de fraude temos, xunto a Italia. Segundo os datos actuais, a cifra de economía mergullada e fraude en España está no 23,3% do PIB, case 250.000 millóns de euros que escapan ao control de Facenda e 88.000 millóns que se deixan de ingresar ao ano entre cotas á Seguridade Social e impostos.
"A cifra de economía mergullada e fraude en España está no 23,3% do PIB, case 250.000 millóns de euros que escapan ao control de Facenda e 88.000 millóns que se deixan de ingresar ao ano entre cotas á Seguridade Social e impostos"
Non somos tan ambiciosos como para pensar que se pode erradicar ao 100% esta fraude pero si podemos estar nos estándares dos países da nosa contorna, e para iso teriamos que reducir esa cifra en dez puntos. Recadariamos uns 38.000 millóns de euros ao ano, que é xusto a cantidade que aparece nos orzamentos para 2013 como intereses da débeda.
Na modificación do Código Penal queren endurecerse algúns delitos de fraude...
Vanse modificar algúns temas, pero o único que se vai facer é contemplar un delito fiscal agravado en determinadas situacións, cando se fai a través de organizacións delituosas, por exemplo. Botamos en falta maior contundencia, non só no Código Penal senón na norma de funcionamento da Axencia Tributaria. Cremos que hai que alargar os prazos de prescrición para que as infraccións tributarias non prescriban axiña que e alargar os prazos de inspección, porque moitas veces non se chega a tempo. E desde logo habería que endurecer as sancións, tanto no ámbito administrativo como no penal.