Os traballadores das auxiliares deciden seguir coa folga que paralizou Navantia

Piquetes das auxiliares ás portas de Navantia, de madrugada CC-BY-SA CIG

A ría de Ferrol vive este martes a sexta xornada da folga indefinida nas empresas auxiliares de Navantia. Convocado pola CIG desde o pasado xoves, o paro do luns volveu deter totalmente a actividade tanto no estaleiro ferrolán como no de Fene. Neste martes, os operarios da firma pública si acudiron ao traballo mentres os das subcontratas continuaban a protesta á espera da asemblea do mediodía. A mediación do Consello Galego de Relacións Laborais abriu na pasada noite unha vía para deter o paro: un preacordo que establece cinco semanas de negociación para chegar a un acordo. Pero os operarios votaron maioritariamente continuar co paro.

No caso de Fene, a decisión de manter o paro e non aceptar suspendelo para abrir un proceso de negociación foi ratificada por unanimidade, mentres que en Ferrol foron 131 os traballadores que apostaron por continuar coa folga polos 99 a favor de porlle remate. 

O conflito remóntase a un acordo de hai 16 anos e desemboca agora, con división sindical, logo de que a fonda crise no naval levase por diante condicións laborais e precarizasen aínda máis o emprego.  

"Os traballadores das auxiliares dixeron que xa abondaba, deron un golpe na mesa porque ata aquí chegaron", di a CIG

"Os traballadores das auxiliares dixeron que xa abondaba, deron un golpe na mesa porque ata aquí chegaron; estou convencido de que gañarán". Así o asegura a Praza.gal Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria en Ferrolterra, neste luns con outro seguimento da folga do 100%. Unha madrugada máis, centos de operarios das auxiliares fixeron de piquetes á entrada dos estaleiros, desta vez acompañados por varios axentes da policía nacional tras a denuncia da dirección de Navantia contra o bloqueo da actividade. Os traballadores da empresa pública, reunidos en asemblea ao chegar e logo de que o comité de empresa lles pedise que non se incorporasen, decidiron non entrar a traballar e apoiar os compañeiros mentres representantes das diferentes centrais sindicais manteñen xuntanzas para determinar os pasos a seguir no futuro. 

A folga indefinida da CIG esixe que todas as empresas cumpran cos acordos salariais asinados en 2001 e incumpridos desde a chegada da crise

A folga indefinida esixe que todas as empresas cumpran os acordos salariais asinados en 2001. Daquela, hai máis de quince anos, as condicións laborais (xornadas, soldos e mesmo regulacións internas) das subcontratas do naval eran diferentes segundo a propia auxiliar ou o o estaleiro de traballo. CIG, CCOO, UGT e USO uníronse, mobilizáronse e reivindicaron melloras e igualdade. A finais de ano, as principais compañías asinaron a homologación das condicións de traballo, pactándose unha clasificación profesional dos operarios, unha nómina base e unha xornada e condicións como as do cadro de persoal de Navantia. 

Pero chegou a crise. A carga de traballo baixou ata que entre 2013 e 2014 os estaleiros quedaron sen encargos e os despedimentos e o desemprego nas auxiliares alcanzaron cifras históricas. Coa chegada de novos encargos -como o flotel de Pemex- as condicións mudan, tanto pola enorme competencia como pola querencia de clientes e a propia Navantia a reducir custos en medio dunha pésima situación económica. As licitacións dos estaleiros caen, as empresas argumentan non poder competir e moitas auxiliares novas chegan e non respectan os acordos de 2001. Tampouco moitas das que o asinaran os cumpren. Os soldos baixan e as diferenzas entre operarios alárganse. 

Coa chegada da crise, as licitacións empeoran e as auxiliares precarizan as condicións ao tempo que empresas alleas rebaixan os salarios

"Os empresarios e a propia Navantia aproveitaron a necesidade das casas, as penurias e a situación de crise para rebaixar as condicións; había que aceptar calquera cousa para saír adiante, pero agora hai carga de traballo, previsión para máis adiante e insisten en que rematou a crise... Pois ata aquí chegamos e estamos dispostos a loitar", explica Vidal. 

A CIG acusa a Navantia de "mirar cara a outro lado, propiciar ofertas á baixa e abaratar custos permitindo unha competencia voraz"

Para a CIG, a "principal culpable" da situación é "a dirección de Navantia". "Mirou cara a outro lado para propiciar ofertas á baixa e abaratar custos sabendo que ían baixar moito os soldos; permitiu unha competencia voraz entre as diferentes empresas e a entrada de firmas alleas con condicións moito peores, o que propiciou que outras firmas deixasen de cumprir os acordos e permitisen unha clara discriminación salarial entre os operarios", explica Vidal. 

División sindical

O problema xurdiu coa división sindical. Durante a negociación do convenio provincial do metal en Ferrol, CCOO e UGT asinaron o preacordo argumentando que nel se recollen compromisos para incorporar os acordos de 2001 e poder así incluílos no convenio, algo que nega a CIG, que non se fía e prevé recortes nas condicións laborais. Coa mesa de negociación aberta coa patronal, a central nacionalista carga contra Comisións e UGT por "preferiren estar negociando uns conceptos que non teñen que negociarse, senón que teñen que aplicarse e pagarse". 

CCOO e UGT aceptaron negociar a incorporación dos acordos no convenio provincial

Mentres a folga indefinida cumpre a súa quinta xornada, a CIG e os traballadores das auxiliares que secundan a folga advirten da "presión" que exerce tanto Navantia como a patronal para deter o paro. Este mesmo luns, Cristóbal Dobarro, presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), foi claro. "Que se respecten os acordos e sexamos conscientes da situación na que estamos", asegurou, tras aclarar que é "un momento francamente delicado no institucional e no socioeconómico". 

"Ferrol e a comarca estanse xogando o seu futuro", advertiu o presidente da patronal aos folguistas, que asegura que o paro "parte dun convenio aprobado polos representantes dos traballadores no que se acordou crear unha mesa de diálogo respecto da cuestión". "Un sindicato decidiu non respectar o acordo e chamar á folga; isto pon os empresarios nunha situación moi complicada porque dificilmente sabe cal é o seu interlocutor; se os acordos non son respectados, o diálogo social é complicado".

A patronal Cofer pide "que se respecten os acordos" e advirte da opción de que empresas ou Estados cancelen encargos

Dobarro cre que a actual folga pode prexudicar á futura carga de traballo nos estaleiros porque "Ferrol está sendo mirado con lupa por empresas e Estados que queren facer encargos". E advertiu, sobre todo, dos encargos de empresas privadas, "como o caso dos jackets de Iberdrola". "Se a empresa detecta que non podemos entregar en prazo, probablemente non teñamos a oportunidade de seguir traballando nese sector e iso sería dramático para a comarca", engadiu tras facer referencia tamén á necesidade de dar seguridade a gobernos como o australiano, tamén cliente de Navantia. 

"É necesario que todos arrimemos o ombreiro e esteamos á altura; precisamos diálogo e que os acordos sexan respectados; estamos perdendo respectabilidade, interlocución social e imaxe", concluíu Dobarro. Desde a CIG, Vidal entende como "presións normais" as palabras da patronal e ve algo natural que "nun conflito así haxa atrasos nas obras". "O xeito de facer estas mobilizacións tamén é unha presión", retruca. 

Ante o conflito, o Consello Galego de Relacións Laborais instou todas as partes (Navantia, contratas e organizacións sindicais) a unha xuntanza na tarde deste luns na Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol. Nela estiveron presentes representantes dos estaleiros, das empresas presentes na mesa de negociación dos acordos de 2001 e todas as organizacións sindicais.

A CIG recoñece avances pero lamenta que non se recoñeza, como en 2001, que todos os traballadores da mesma categoría cobren un mesmo salario

Pasadas as nove da noite, alcanzouse un preacordo: a CIG incorporaríase á mesa de negociación e aclárase que os acordos que se acaden deben ser vinculantes para todas as empresas auxiliares dos estaleiros de Navantia e incluiranse no convenio do metal da provincia da Coruña. A data límite é o 13 de novembro e a patronal aceptaría os efectos retroactivos desde que se asine o acordo. Pero os traballadores non aceptaron o acordo e continuarán coa folga. O pacto contemplaba que, de non chegarse a un "acordo satisfactorio", recorreríase á arbitraxe da AGA, instrumento do Servizo de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais. 

Malia os avances, recoñecidos pola CIG, hai un aspecto que provoca o rexeitamento dos traballadores non se recolle que todos os traballadores da mesma categoría cobren polo menos, e como mínimo, un mesmo salario, tal e como aparecía nos acordos de 2001. 

Ademais, no pleno do Concello de Ferrol, a abstención do PP e de Ciudadanos impediu debater unha moción sobre o conflito laboral nas auxiliares de Navantia, ante a indignación de Vicente Vidal, da CIG. "Isto é un escándalo, levamos días reivindicando os dereitos roubados e agora impídennos falar no pleno; en Feno o alcalde foi ata a porta a falar cos compañeiros, pero aquí.... Que apoio nos dan? están a favor de que as empresas incumpran acordos, pechen ou veñan outras de fóra tirar os prezos e roubarnos? E non temos nin a palabra no pleno!", asegurou visiblemente alterado e con duras críticas ao rexedor.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.