Os traballadores de Forem comezan este luns unha folga

Curso de Forem en Lugo © Forem

Os traballadores da Fundación Forem, de CC.OO. Galicia, comezan este luns unha folga indefinida en protesta polo ERE presentado pola dirección para extinguir 24 dos 35 postos cunha indemnización de 20 días por ano traballado. Os traballadores tamén levarán a cabo unha concentración diante do centro de Forem en Santiago, no Polígono do Tambre, a partir das oito da mañá.

Os empregados afectados denuncian que CC.OO. "aplica a reforma laboral de pleno" e salientan o paradoxo de que CC.OO. "fixera unha folga contra a reforma laboral en marzo". Pola contra o secretario de Formación para o Emprego de CC.OO., Xavier Dongil, xustifiou a medida pola "caída brutal" nas subvencións que reciben para as actividades de formación e asegurou que non dispoñen doutros recursos que "non sexan os procedentes da formación e están regulados, son fondos finalistas. Non podemos sacar de onde non hai".

Como alternativa aos despedimentos os traballadores propoñen unha redución de xornada para todos os empregados así coma "explorar novas liñas de traballo e outras posibilidades, como traballar con empresas".

Curso de Forem en Lugo © Forem

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.