Navantia quitaralle a paga de nadal aos traballadores das súas instalacións. Así o asegurou o presidente do comité de empresa da firma estatal, Ignacio Naveiras, en declaracións á Cadena Ser, unha noticia que foi logo confirmada por outros membros do comité a Praza Pública. Segundo explican os representantes dos traballadores, a decisión foi feita pública na xuntanza mantida este mércores polo comité intercentros en Madrid coa compañía, na que se analizaba o futuro do naval e as posibles cargas de traballo, que non chegan.
A dirección da empresa naval entende que o decreto aprobado polo Goberno central en xullo para reducir o déficit público, e que inclúe a eliminación desta paga de Nadal aos funcionarios, abrangue tamén a Navantia por ser unha compañía estatal. A noticia foille comunicada aos traballadores pola nova dirección de recursos humanos da firma e a medida afectará nas instalacións de Ferrol a uns 2.300 operarios.
Os sindicatos xa advirten de que darán "resposta" a este novo "ataque" do Goberno ao naval
"Inclúennos no decreto aplicado aos funcionarios; non ten nin pés nin cabeza", queixouse Ignacio Naveiras, que considera "gravísima" esta medida e que aclara que Navantia "non depende dos Orzamentos Xerais do Estado". "Os traballadores do naval non se rexen polo estatuto dos funcionarios porque pertencen a unha empresa mercantil da SEPI", engadiu. Manuel Grandal, representante da CIG no comité, asegura que esta medida é "un novo ataque" aos traballadores que se queixaron tamén ante Navantia da falta de negociacións para o novo convenio colectivo ou do impago das indemnizacións aos traballadores con incapacidades.Todo unido á falta de expectativas e de carga de traballo. "Diso case que nin se falou", aclara, ademais de anunciar "resposta" en forma de "mobilizacións" para as vindeiras semanas.
Navantia admite que a oferta presentada a Pemex para construír os quimiqueiros non é competitiva
Si se falou algo, pero as noticias non son nada boas. Navantia, segundo os sindicatos, admite que a oferta presentada a Pemex para construír os buques quimiqueiros foi menos competitiva do que agardaba a empresa mexicana, aínda que asegura que se manteñen as conversas.
Esta fatal noticia para os traballadores do naval engádese á polémica sobre o encargo dos quimiqueiros prometidos pola Xunta para as instalacións de Ferrol por parte de Pemex, xa que o comité de empresa asegura que, segundo "fontes solventes", foron encargados a Corea, algo que desmente a Xunta. Ademais, os sindicatos denuncian que a situación do sector naval de Ferrol é "dramática". Segundo os datos achegados por eles, a finais de xuño o número de traballadores da industria auxiliar vinculada a Navantia era de 2.579 e na actualidade é de 1.877, o que se traduce na destrución de 702 empregos "en só dous meses". A cifra súmase á de máis de mil empregos perdidos no último ano por falta de carga de traballo.
Mentres, Núñez Feijóo apelou á "tranquilidade" respecto á posible contratación de quimiqueiros de Pemex en Galicia e logo de que o comité de empresa de Navantia negase tal adxudicación. "Tranquilidade total", dixo preguntado sobre o asunto. Ademais, o voceiro popular, Antonio Rodríguez Miranda, criticou que os sindicatos "falten á verdade" e atribuíno a "intereses electorais". O PSdeG, pola súa banda, asegura temerse "o peor" sobre os posibles contratos porque, di, teñen máis credibilidade os representantes dos traballadores que a Xunta.