Os traballadores de recollida do lixo en Lugo non cumprirán os servizos mínimos "abusivos" do 100%

Protesta dos traballadores de Urbaser no Concello de Lugo © CIG

A folga de recollida do lixo en Lugo chega ao seu terceiro día e coincidindo coa celebración do Arde Lucus, que reunirá na cidade decenas de miles de persoas ao longo da fin de semana, intensifica os seus efectos. As temperaturas son altas, e nas rúas xa hai 300 toneladas de residuos. A totalidade dos traballadores e traballadoras da concesionaria Urbaser está a secundar a folga indefinida en demanda dun convenio "digno", cun incremento salarial conforme coa suba do IPC, e tamén da readmisión de doce empregados, que foron despedidos.

O Concello de Lugo fixou uns servizos mínimos que se nas primeiras xornadas de folga se situaban entre o 50% e o 70% para os traballos de recollida de residuos, a partir deste venres se elevan até o 100% no centro da cidade

Estes despedimentos producíronse na primeira xornada do paro, alegando a empresa o "incumprimento dos servizos mínimos" e alegando "desobediencias" anteriores. Os e as traballadoras consideran estas decisións inaceptables e acusan a Urbaser de querer usar estas persoas "como moeda de cambio", ao transmitir a súa "dispoñibilidade" para negociar e retirar os despedimentos se se desconvoca a folga.

O Concello de Lugo fixou uns servizos mínimos que se nas primeiras xornadas de folga se situaban entre o 50% e o 70% para os traballos de recollida de residuos, a partir deste venres se elevan até o 100% no centro da cidade (50% no resto). Porén, os e as traballadoras de Urbaser xa anunciaron que non cumprirán con estes servizos mínimos, que consideran "abusivos", pois destacan que uns servizos mínimos do 100% "vulneran o dereito de folga de calquera traballador". O Concello requeriulle a Urbaser o cumprimento destas porcentaxes e advertiu de que en caso contrario tomaria medidas legais para "asegurar a protección da salubridade pública, competencia municipal”. Dende os sindicatos asegúrase que se propuxo que en cada quenda saia un condutor para cumprir con "eses servizos esenciais que necesita a cidade, pero a dirección da empresa impídeo".

Os e as traballadoras lucenses xa recibiron o apoio dos comités de Urbaser noutras cidades galegas

Os e as traballadoras lucenses xa recibiron o apoio dos comités de Urbaser noutras cidades galegas. BNG e Anova tamén manifestaron o seu apoio aos empregados en folga, que o pasado mércores protestaron no salón de plenos do Concello, e que nesa e noutras xornadas están deixando patente a súa protesta polo centro da cidade, con caravanas de vehículos e outras accións. A voceira do BNG, Paz Abraira, esixiulle ao alcalde Orozco "que modifique o Decreto de servizos mínimos que derivou no despido de 12 traballadores" e que lle "reclame á empresa concesionaria Urbaser, como responsable do servizo de limpeza de Lugo, que se sente a negociar de inmediato cos traballadores". Para o BNG, Urbaser "continua percibindo do Concello de Lugo unha elevada cantidade de cartos e aproveita as reformas laborais para  incrementar os seus beneficios a costa dos salarios dos traballadores e traballadoras".

De igual xeito, para Anova, "é evidente que o goberno municipal de Lugo non puxo os medios necesarios para evitar o conflicto e as manifestacións do Concelleiro de Medio Ambiente esixindo sentar a negociar chegan tarde e non son críbeis. Tiveron tempo e ocasión para mediar no conflicto antes de que se enquistara". Tamén denuncia que o goberno municipal de Lugo "está apoiando descaradamente a empresa", a través dos "abusivos servizos mínimos que decretou". "Actúan como uns matóns ao servizo da empresa impedindo o dereito de folga", conclúe.

Protesta dos traballadores de Urbaser no Concello de Lugo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.