Os traballadores do naval de Ferrol queiman unha copia dos Orzamentos

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia

Ao redor de tres mil persoas, empregadas de Navantia e das industrias auxiliares, reclaman carga de traballo para as súas empresas cun paro de dúas horas no que están cortando o tráfico no barrio de Esteiro. Maniféstanse ante a sede de Facenda en Ferrol, onde veñen de queimar unha copia dos Orzamentos xerais do Estado. As súas críticas diríxense precísamente á ausencia de partidas para o sector naval nos Orzamentos, ademais de reclamar a construción do dique flotante e de pedir explicacións sobre os contratos con Pemex.

En Facenda entregaron un escrito dirixido ao ministro Cristóbal Montoro no que esixen a xuntanza urxente da comisión de seguimento do dique flotante. Ademais, concentraranse ás once da noite na Praza de Armas da cidade, coincidindo co inicio da campaña electoral.

Pola súa banda, o coordinador xeral de Izquierda Unida, Cayo Lara, mantivo un encontro esta mañá en Ferrol cos delegados dos comités de Navantia, que están pechados con Concello dende o 11 de setembre. Lara, acompañado por Yolanda Díaz, número dous por A Coruña da Alternativa Galega de Esquerda, comprometeuse a presentar todas as iniciativas parlamentarias no Congreso que sexan necesarias para a construción do dique flotante. Cayo Lara denunciou que calquera tipo de iniciativa en relación ao dique será rexeitada polo PP e esixiulle ao Goberno que faga público o contrato anunciado con Pemex.

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia
Os representantes dos traballadores seguen pechados no Concello © @spacetoc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.