Outra folga no telemárketing en Galicia por un convenio digno

Mobilización do sector do telemárketing © CIG

Outra folga no sector do telemárketing en Galicia. Menos dun mes despois da que tivo lugar o pasado 26 de xaneiro -daquela tamén en todo o Estado- e logo de varias no pasado ano, o sector que xunta uns 5.000 traballadores no país volveu mobilizarse nunha convocatoria do sindicato CIG que foi apoiado por CGT en moitas compañías. 

A CIG, apoiada pola CGT, convocou a folga en toda Galicia en protesta pola oferta á baixa da patronal nun convenio bloqueado desde hai máis de dous anos

As teleoperadoras volveron protestar polo bloqueo e a exigua oferta á baixa que a patronal ofrece na negociación dun convenio colectivo que acumula máis de dous anos vencido e con negociacións sen apenas avances. Desta vez, e segundo a CIG, o seguimento da folga foi maioritario -arredor dun 65%- aínda que inferior ao doutras convocatorias anteriores. 

Como lembra a CIG, reivindicouse unha suba salarial que "permita recuperar o poder adquisitivo perdido ao longo destes anos". A proposta da patronal, segundo a central nacionalista "é claramente insuficiente ao estar moi por debaixo do IPC". Ademais, advirte que, desde 2009, os traballadores perderon de media uns 832 euros anuais. "Deixamos de ingresar o equivalente a unha nómina, aínda que a perda salarial aínda pode ser maior tendo en conta que o IPC de xaneiro foi do 3,2% en Galiza”, indica Laura Pérez, responsábel da CIG-Centros de chamadas.

O seguimento foi maioritario -arredor do 65%- pero inferior ao de anteriores folgas

O sector leva un total de 26 meses sen convenio colectivo e coas nóminas conxeladas dende 2014. A CIG, sindicato maioritario no sector en Galicia, asegura que propuxo ao resto de centrais “unificar posicións para convocar protestas conxuntas”, pero asegura que non obtiveron resposta. Con todo, seccións sindicais da CGT si que apoiaron o paro nalgunha empresa. Ademais, centos de emrpegados saíron á rúa na Coruña, Vigo e Lugo contra a proposta da patronal. 

Como lembraron noutras ocasións, esta insiste tamén en recortar dereitos -coma as horas para ir ao médico- e empeorar condicións, ampliando por exemplo as bandas horarias nas que os e as empregadas deberían estar dispoñibles para a empresa. Todo para un novo convenio xa que o anterior caducou en 2014 e as precarias condicións continúan estancadas.

Mobilización do sector do telemárketing © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.