Para que ten que servir a comisión de investigación das caixas de aforros?

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

O blog de análise económica galega A furada do trasno lembra que "houbo que agardar a que a Fiscalía Anticorrupción presentase unha querela na Audiencia Nacional por presunta administración desleal ou apropiación indebida contra os ex directivos de Novacaixagalicia, para que o PP accedese a que se constitúa no Parlamento de Galicia unha comisión de investigación dirixida a esclarecer a xestión das caixas de aforros", así como "as razóns que levaron á súa desaparición e as indemnizacións millonarias que percibiron os seus ex directivos". 

Para os autores deste prestixioso blog, é "obvio" que unha comisión parlamentaria de investigación debe "centrarse en analizar as claves políticas do asunto" e non as responsabilidades penais dos directivos implicados, que xa serán investigados pola fiscalía. Así, e segundo A furada do trasno, a comisión debería deitar luz sobre algúns aspectos "estritamente políticos".

"A comisión de investigación debería deitar luz sobre os aspectos estritamente políticos"

En primeiro lugar, cómpre saber que argumentos "sustentaban a actuación do goberno galego para forzar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova, así como coñecer a actuación das tres forzas parlamentarias no asunto. Do mesmo xeito, os autores do blog animan a investigar "os obxectivos da non nata lei de caixas" e o procedemento de contratación da "famosa auditoría de KPMG" que serviu como "argumento" para "obrigar" a Caixanova a aceptar a fusión.

"É importante saber cal era a situación patrimonial real e a solvencia das dúas caixas"

Desde o blog instan tamén a descubrir "cal era a situación patrimonial real e a solvencia" das dúas caixas, "a implicación da Consellería de Facenda e da Xunta no proceso" e o "tipo de negociación establecida entre o Goberno galego e o Banco de España". A Furada do Trasno repara tamén na importancia de saber "quen decidiu poñer a Castellano á fronte de Novagalicia", así como "a información de primeira man" que tivo a Administración sobre a negocicación do FROB coa entidade.

Para os autores do blog, é importante tamén coñecer "en que medida o Goberno de Galicia foi consultado, ou informado, da valoración patrimonial que o Banco de España fixo Novacaixagalicia", logo do brutal descenso na valoración contable, así como "a verdadeira responsabilidade política da xunta no evidente fracaso da fusión das dúas caixas de aforros".

Para A furada do trasno, parece que "na constitución da comisión de investigación, non hai ningunha intención de dar resposta a todos estes asuntos". "Semella máis ben, que o que se pretende, ao socaire do proceso penal iniciado pola Fiscalía Anticorrupción, é centrar todo o debate na presunta responsabilidade penal dos implicados, pasando de puntiñas sobre as responsabilidades políticas que puidera haber neste esperpéntico asunto".

Máis información, no blog d'A furada do trasno.

Julio Fernández Gayoso e Alberto Núñez Feijóo no acto de sinatura da fusión © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.