Pechado o acordo entre sindicatos e Novagalicia para o ERE

Manifestación en Vigo de traballadores de Novagalicia Banco Dominio Público @galizaCIG

Pechado finalmente o acordo en Novagalicia Banco entre sindicatos e a entidade, que asinaron hoxe o maior ERE da historia de Galicia. Logo de case catro meses de atrancos e desencontros, representantes dos traballadores e dirección alcanzaron pacto sobre a regulación imposta desde Bruxelas a cambio da inxección de 5.400 millóns en axudas públicas. Logo de diverxencias e moitas horas -cinco este mesmo xoves-, ao final os despidos afectarán a un máximo de 1.850 persoas (400 menos das que se plantexaron ao principio) e obviando os 250 traballadores da corporación e rede internacional, que terán "un proceso diferenciado".

Os despidos afectarán finalmente a 1.850 persoas, 400 menos das propostas ao principio

Ademais, haberá 455 prexubilacións a partir dos 54 anos e que incluirán tamén a uns 50 traballadores que con 53 anos superan xa os 20 de antigüidade nas antigas caixas. CCOO, Cisca e UGT deron o seu visto e prace a este acordo ao que non se uniron CIG, CGT e Asca. O representante de UGT, José Ramón de Pliego, di sentirse "satisfeito" malia o "drama" que supón para todos os despedidos, xa que "non se puido facer nada máis polo cadro de persoal". Ademais, di ter a "conciencia tranquila" ante as acusacións da CIG, que fala do "interese persoal" dalgúns dos sindicalistas para subscribir o acordo e entrar así no "paquete" de prexubilacións.

O devanditao acordo implicará tamén que os prexubilados marchen co 80% do seu salario multiplicado polo número de anos que lle falten para chegar aos 63 anos, cun máximo de sete anualidades e 250.000 euros, ademais do pago do convencio especial cando finalice a prestación por desemprego por parte de NGB. Á marxe disto, o resto de baixas serán despedimentos ou incentivadas e a indemnización chegará aos 30 días poro ano traballado e 22 mensualidades, ao que se une tamén unha prima por trienio de 2.000 euros.

A indemnización mínima será de 15.000 euros e a máxima, de 250.000

A indemnización mínima que recibirá un traballador (aquel que non supere os cinco anos na entidade) será de 15.000 euros e o máximo, 250.000.

Pero ademais, tamén haberá cambios na xornada laboral. 190 oficinas abrirán polas tardes de luns a xoves, co que haberá xornada partida para 520 traballadores, ademais da redución do horario de máis de 600 persoas nesas mesmas sucursais durante cinco anos e para outros 400 traballadores doutras oficinas.

Dentro do preacordo hai un capítulo específico de "garantía de mantemento" do emprego en EVO. A marca de fóra de Galicia, Asturias e León aguantará un mínimo de 590 persoas até a súa venda, antes de 2015 para "dotar de estabilidade" a actividade durante "o proceso de intento de venda". Se non é así, terán as mesmas condicións. Como se esperaba, o principio de acordo recolle os recortes salariais do terceiro ERE e a paralización de pluses, variables e achega a plans de pensións.

Desde Recursos Humanos de NGB o acordo preséntase como "un gran éxito para todos" e un gran "paso cara a adiante" de Novagalicia porque dá "maior estabilidade interna e externa".A directora de RRHH, María Camino, destacou que o pacto "beneficio aos empregados porque minimiza o impacto" no cadro de persoal, pero tamén ao banco, que cumpre as esixencias do axuste, e aos clientes, porque se incrementan os horarios das oficinas.

En canto aos sindicatos, Clodomiro Montero, de CIG-Banco, xa asegurara que "cos mesmos vimbios poderíase facer outra cesta" e teme o impacto para os traballadores que superen os 40 anos.

Unha oficina de Novagalicia, pechada por folga Dominio Público @galizaCIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.