Pemex prioriza a compra de barcos feitos en México

Plataforma petroleira de Pemex © Pemex

Mentres o naval galego agarda, asoladado polas escusas e os adiamentos, a que Petroleos Mexicanos licite os prometidísimos floteis -o último prazo foi fixado para novembro- a empresa estatal mexicana continúa o seu rumbo, allea á "ansiedade" reinante en Galicia, no seu sector naval e disque tamén na Xunta. A aposta de Pemex é priorizar a compra de barcos de fabricación nacional mexicana e nesta liña se inscriben os acordos que está a asinar con empresas foráneas. O último, anunciado este venres, non implica a Barreras nin moito menos a Navantia, senón a unha compañía con sede en Singapur.

A compañía americana vén de anunciar a sinatura dun "memorando de entendemento" coa empresa Keppel Offshore & Marine, "líder en deseño e construción de plataformas petroleiras", co obxectivo de poñer en marcha na localidade mexicana de Altamira un "estaleiro especializado na construción, mantemento e reparación de plataformas e outras embarcacións maiores", e así poder realizar este tipo de traballos sen recorrer, no futuro, ao estranxeiro. Keppel achegará os seus "esquemas de adestramento e desenvolvemento" a un proxecto que dará emprego a 4.000 persoas e que implica un investimento "inicial" de 150 millóns de dólares, isto é, uns 110 millóns de euros.

A petroleira mexicana advirte de que vai "incrementar o contido nacional das súas compras" e relaciónao coas 22 embarcacións da flota menor ás que opta o naval galego

Pemex prevé que, unha vez rematado, este estaleiro estea preparado para levar adiante "a construción de seis modernas plataformas" de perforación para Pemex Exploración y Producción (PEP), unha das súas filiales, que serán deseñadas pola firma de Singapur pero construídas en México. "Esta -explica a compañía mexicana- é unha máis das accións realizadas destinadas a desenvolver as capacidades de construción naval e petroleira en Mexico".

O potencialmente preocupante para o naval galego e, polo tanto, para as expectativas creadas polo Executivo galego, é que Pemex relaciona esta operación co acordo que asinou o pasado xuño coa Secretaría de Mariña do Goberno mexicano para a construción de 22 embarcacións da súa flota menor por 250 millóns de dólares -ao cambio, uns 180 millóns de euros-. Estes barcos, sinalados pola Xunta como posibles obxectivos do naval do país, están no punto de mira de, cando menos, os estaleiro Freire (Vigo) e Valiña (A Coruña). Pero Pemex xa advirte de que, grazas á súa alianza con Keppel, vai "incrementar o contido nacional das súas compras", ademais de seguir "desenvolvendo maiores capacidades de construción no noso país".

Plataforma petroleira de Pemex © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.