Pemex sae de Repsol e fai regresar as dúbidas sobre as promesas para Galicia

Dirixentes do consello de administración de Pemex © Pemex

Dilacións, denuncias, investigacións e, agora, un movemento empresarial de altos voos. Pemex vén de "lograr con éxito a colocación do 7,86% do capital de Repsol a un prezo de 20,10 euros por acción". A petroleira mexicana inicia con esta operación, encomendada ao Deutsche Bank e a Citigroup, a saída da empresa española despois dunha relación de tres décadas e media e tras uns últimos tempos caracterizados pola tensión coa cúpula de Repsol, as cales, segundo a prensa mexicana, foron acrecentadas nos últimos tempos co nomeamento como conselleiro delegado de Repsol do ex presidente do PNV, Josu Jon Imaz. Ademais da evidente relevancia económica, este movemento de Pemex devolve a tensión ás súas promesas en Galicia, canalizadas e amplificadas a través do Goberno de España e, sobre todo, por medio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Dúas semanas despois de que, 20 meses despois de ser anunciado e a tres días das eleccións europeas, a planta ferrolá de Navantia comezase a cortar chapa para un dos floteis da petroleira centroamericana, Pemex inicia o "proceso de desinvestimento" en Repsol a causa da "baixa rendibilidade das accións obtida pola actual administración fronte a outras petroleiras", di Pemex nun comunicado, que engade outros factores como "as nosas diferenzas coas súas prácticas de goberno corporativo e a que non se materializaron os beneficios mutuos que Pemex agardaba da alianza industral firmada con Repsol hai máis de dous anos", caso por exemplo da transferencia tecnolóxica.

As dúbidas afectan, sobre todo, á prometida instalación dunha base loxística no porto exterior da Coruña

E, como pode afectar isto a Galicia? Cando menos polo momento, as dúbidas prevalecen sobre as certezas. A priori, semella difícil que Pemex renuncie a construír o flotel adxudicado a Barreras, toda vez que o estaleiro vigués agora é da súa propiedade. Así as cousas, as incertezas pairan sobre Navantia e, sobre todo, sobre a instalación dunha base loxística no porto exterior da Coruña, en Punta Langosteira, anunciada tamén por Feijóo antes das eleccións de 2012 como unha operación "histórica" que está sendo paulatinamente atrasada -agora xa ata, aproximadamente, o ano 2017- e que agora se presenta como máis difusa ao rachar as ligazóns con Repsol. 

Nun contexto no que xa se dan por descartados os catorce remolcadores para estaleiros galegos que o Goberno galego presentou como "firmes" Pemex "enfatiza categoricamente", así e todo, que "esta decisión de mercado non é un tema da axenda bilateral na relación México-España", máis aínda tendo en conta que a vindeira semana o presidente mexicano, Enrique Peña Nieto, visita oficialmente o Estado español. A relación entre ambos Estados é "profunda e ampla" e "Pemex é un exemplo cos seus recentes investimentos de negocios nese país", di a empresa.

Dirixentes do consello de administración de Pemex © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.