Pescanova entra en suspensión de pagos tras ser imposible un acordo

Pescanova, nunha feira de alimentación CC-BY-NC-ND infohoreco

O Consello de Administración de Pescanova acordou este xoves solicitar voluntariamente a declaración de concurso de acredores dado que non semella posible alcanzar a curto prazo un acordo cos acredores. A súa precaria situación financeira obriga a empresa a acudir ao concurso se non quere que aínda se empeore máis.

Logo de máis de trece horas de tensa reunión do Consello de Administración, a compañía acabou anunciando á Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) este feito relevante. "O Consello de Administración, en aras da preservación da continuidade empresarial de Pescanova e da protección dos intereses afectados, acordou solicitar voluntariamente ante o xulgado do mercantil competente a declaración de concurso de acredores", di.

Pescanova aclara tamén que ten a intención de presentar unha proposta de convenio aos acredores que garanta que se salvagarden os dereitos e intereses dos seus traballadores, acredores e accionistas, así como a xestión continuada da compañía. A decisión chegou tras unha xuntanza tensa e un mes despois de que a empresa solicitase o preconcurso de acredores. Cunha débeda de 2.700 millóns, case o dobre do que figura no pasivo auditado.

Ao tempo, o Consello de Pescanova solicitou ao xulgado do mercantil a revogación do auditor de contas, BDO Auditores, para a verificación das sáus contas. Ademais, a empresa contratará nos vindeiros días un auditor para revisar a situación financeira do ano pasado e que elixirá entre as principais empresas do sector.   

Pescanova xa presentara o preconcurso logo de advertir de que non formularía as súas contas anuais de 2012 e condicionar esta decisión ata que tivese a certeza de venda de activos da área de cultivo do salmón ou renegociase a débeda. Esta é unha posibilidade que dá a Lei Concursal, que permite recoñecer ante un xuíz a súa insolvencia e ter catro meses para pactar un acordo de reestruturación de débeda cos bancos que lle evite entrar en concurso.

Pescanova, nunha feira de alimentación CC-BY-NC-ND infohoreco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.