Piden a retirada do Honoris Causa da UDC a José Luís Méndez

José Luís Méndez © capitalmadrid.com

Os Comités solicitaron este mércores no Consello de Goberno da UDC a retirada do título Doutor Honoris Causa desta universidade a José Luís Méndez, anterior Director Xeral de Caixa Galicia "e un dos principais responsábeis da crise do sector financeiro galego".

A concesión do título de Doutor Honoris Causa é un recoñecemento da universidade a aquelas persoas que destacan polas súas achegas ao desenvolvemento científico, cultural, económico e social do noso país. “Dez anos despois deste recoñecemento a José Luís Méndez e a vista do acontecido no ámbito financeiro fica claro que esta persoa representa absolutamente o contrario do que supón este recoñecemento”,afirmou Ana Barxa, responsable dos Comités na Universidade da Coruña. 

Para os Comités a retirada desta distinción é "un acto de xustiza e dignidade". O sindicato estudantil acúsao de ser impulsor "dun tipo de prácticas especulativas e sen ningún tipo de transparencia" moi afastados dos obxectivos teóricos das caixas, das "xubilacións millorarias" para el e os demais directivos da entidade e do "emprego das caixas en beneficio persoal e familiar". Tamén culpan á súa "nefasta xestión" da caida da entidade e considérano culpable da estafa das preferentes que afecta a milleiros de aforradores galegos e galegas.

Ana Barxa afirma que a Universidade da Coruña se comprometeu a estudar a proposta e agarda que no vindeiro Consello de Goberno "teñamos boas noticias que dar”.

José Luís Méndez © capitalmadrid.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.