"O golf é saúde, actividade deportivo e aeróbica que, no caso de Galicia, se materializa en campos totalmente integrados na natureza e na paisaxe pura e verde característica da nosa comunidade". "A ese factor engadímoslle o da oferta do termalismo, que é saúde, benestar, relax e coidado do corpo". "Complementámolo coa excelente gastronomía, que significa pracer, desfrute e actividade social entre amigos". Na primavera de 2012 a Xunta botaba man deste literario estilo para, a través da empresa pública Turgalicia, organizar con fondos públicos un torneo de golf en diferentes puntos do Estado. Madrid, Castilla y León ou Cantabria eran algunhas das paradas deste circuíto, dirixido a público "sénior" que gozou de bólas de xogo "personalizadas coa marca Galicia" e, ademais, de degustacións de viños galegos ou de "seleccións de conservas de alta gama". Naquela controvertida operación o Goberno gastou 44.000 euros que non foron, nin de lonxe, os únicos cartos achegados dende o erario para darlle folgos a esta práctica deportiva.
En 2013 maio o departamento turístico da Xunta, xa convertido en Axencia e mantendo a dependencia directa da Presidencia, isto é, de Alberto Núñez Feijóo, adxudicou un contrato semellante. O organismo agora dirixido por Nava Castro organizou unha licitación para o "deseño, organización e execución do III Circuíto de Golf Senior Turismo de Galicia". A adxudicación, concretada o 23 de maio, recaeu na empresa Grupo Golf 2012, que leva adiante o evento por 39.669,42 euros. A suma, polo tanto, supera xa os 80.000 euros públicos para torneos de golf en menos de dous anos. Pero a conta non remata aí.
A factura do golf supera os 100.000 euros públicos en apenas dous anos
Ademais destes contratos, Turismo tamén achega cartos ao sector do golf a través de convenios, unha figura legal na que non ten que mediar concurso público ningún. A través do Rexistro de Convenios, creado en tempos do Goberno bipartito e que o actual Executivo alimenta de xeito irregular, é posible coñecer que o Goberno decidiu emprender un plan de "promoción da comunidade autónoma de Galicia como destino turístico, promovendo e comercializando o turismo de golf en Galicia". Este proxecto foi concretado neste mesmo verán de maneira "conxunta" entre a devandita axencia pública e a Asociación de Empresas de Turismo de Golf Galicia Destino Golf. Non obstante, esa conxunción non é tal á hora de poñer os cartos: a Xunta achegou 30.000 euros para financiar o convenio e as empresas un total de 57,61 euros.
Turismo tamén investiu case 50.000 euros nos clubes náuticos
Coa factura do golf superando xa os 100.000 euros en apenas dous anos a Xunta non escatimou recursos para outros ámbitos turísticos non accesibles en exceso para o común da poboación, tales como a náutica deportiva. Así, por exemplo, o pasado maio Turgalicia achegáballe 17.000 euros á Asociación de Clubs Náuticos de Galicia para promover a marca Q de calidade turística nas súas instalacións. A mesma asociación recibiu en xullo 30.000 euros máis, desta volta a través da Axencia de Turismo, para o "establecemento das condicións para a colaboración económica na promoción conxunta" de Galicia "como destino turístico a través da promoción da nosa costa e, en concreto, dos portos deportivos e das actividades que neles se realizan a través dos clubes náuticos, unha meta a acadar a través de servizos de calidade que se poidan ofertar aos posibles usuarios".