Plan de Emprego Xuvenil ou explotación subvencionada?

Mozos nunha manifestación en Santiago CC-BY-SA Merixo

Feijóo e o seu Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015 teñen como prioridade os mozos sen estudos e aqueles que nin estudan nin traballan. Cunha dotación de 100 millóns de euros, o proxecto aprobado o pasado xoves polo Consello da Xunta prevé que Traballo incentive a contratación de 2.000 persoas novas que nin están empregados nin formándose con axudas ao empresario de 200 euros mensuais que lle paguen os custos salariais. Ao tempo, fomentaranse os contratos de formación dual -que combinan o traballo na empresa con polo menos un 25% de horas de formación- con outra subvención de 100 euros ao mes para sufragar parte da retribución destes rapaces. Ademais, sobre un milleiro de titulados que veñan de acabar a carreira e teñan menos de 25 anos poderán beneficiarse dun contrato en prácticas para o que a Administración achegará 426 mensuais.

O Plan de Emprego Xuvenil prevé beneficiar a 95.000 mozos galegos

É un novo intento para deter o elevado desemprego xuvenil e a masiva emigración da mocidade galega, logo dos continuos fracasos dos últimos anos. Pretende beneficiar a 95.000 mozos menores de 30 anos, pero a costa de que? BNG e AGE ven neste plan unha medida electoralista, que a Xunta saca da manga "xusto antes das eleccións europeas". "As persoas en formación non computan no paro, o que permite recortar por esta vía a taxa de desemprego na mocidade xusto antes dos comicios", alertou Xavier Vence, voceiro nacional do Bloque, que ve no proxecto "unha operación de maquillaxe que consiste en facer contratos de formación ou en prácticas a xente nova durante apenas uns meses para que deixen de figuarar  nas listas do paro, ás que volverán pasado ese tempo, xa que a política de recortes do PP seguirá afogando a recuperación económica".

Ademais, as contas non saen. Segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), tal e como lembra AGE, en Galicia hai 74.000 mozos sen traballo. "Fan un plan de emprego para máis mozos dos que están desempregados?", pregúntase o deputado Juan Fajardo, que vai máis aló e cre que o Plan de Emprego "converterá a mocidade en escravos das empresas privadas".

BNG e AGE ven no plan unha medida "populista e electoralista" que "converterá a mocidade en escravos das empresas privadas"

“O truco é redondo. A xente que recibe unha destas bolsas desaparece da lista do paro para pasar a ser explotados laboralmente por 426 euros ao mes. A realidade é que convertemos os nosos mozos e mozas en escravos da empresa privada”, engadiu Fajardo. O caso é que o Plan suporía 42 euros ao mes para os mozos e mozas desempregados de Galicia. "Só se explica porque os nosos gobernantes viven no mundo dos sobres, e non no das facturas da luz e do gas", insiste en que cre a iniciativa un exercicio de "populismo e publicidade".

O problema é tamén o que poden provocar estes contratos para a mocidade entre o traballo estable, máis aínda coas facilidades que ofrece a reforma laboral para o despido. AGE advirte do risco de que a contratación de xente nova provoque "un bombardeo do emprego fixo que aínda existe neste país". Para Alternativa, a solución é semellante ao "eufemismo do emprendemento que usa a propaganda da dereita e que non é unha saída cando a economía en Galiza está totalmente paralizada".

A oposición advirte do risco que para o emprego fixo poden supor estes contratos subvencionados para xente nova

“O comercio e o autoemprego só poden ser unha pata. Os sectores primarios son fundamentais. Por exemplo, cen millóns de euros aplicados ao marisqueo crearían milleiros de postos de traballo. Ou á mobilidade de terras improdutivas”, asegurou Fajardo, que insta a Xunta a que fomente "unha economía cooperativista de verdade" e loitar así "contra o abandono de estruturas industriais que aínda teñen capacidade tecnolóxica e mercado". 

En Galicia hai arredor de 74.000 mozas e mozos sen traballo, un 15% máis que a finais de 2009. Nos últimos anos a taxa de ocupación da xente nova desplomouse máis de 10 puntos e actualmente apenas supera o 34%. Ademais, dende finais de 2012 este indicador vén sendo superado trimestre a trimestre pola taxa de paro, que pechou 2013 no 38,1%, case catro puntos por riba da de actividade.

Manifestación de Galiza Nova polo emprego Dominio Público Praza Pública
Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.