Pontevedra, Bueu, Poio, A Illa, Riotorto e Caldas retan o Goberno e manteñen a paga extra

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

A Delegación do Goberno xa anunciou que nos vindeiros dias presentará un recurso contra a decisión do Concello de Pontevedra e de igual xeito xa lle solicitou ao de Poio a documentación precisa para levalo a cabo

Pontevedra, Bueu, Poio e Riotorto, gobernados polo BNG, e A Illa e Caldas de Reis, con alcalde socialista, seguen adiante coa súa decisión de respetarlles aos traballadores e traballadoras das súas administracións locais a paga de extraordinaria de Nadal. Optarán pola achega dun complemento de produtividade para superar a prohibición explícita do Goberno central de suprimir a extra de Nadal aos empregados públicos. De feito, o Executivo de Mariano Rajoy xa anunciou que non tolerará excepcións a esta medida e que presentará recursos contencioso-administrativos contra as institucións que busquen abonar estes cartos. De momento a Delegación do Goberno xa anunciou que nos vindeiros dias o fará contra a decisión do Concello de Pontevedra e de igual xeito xa lle solicitou ao de Poio a documentación precisa para levar a cabo o recurso.

O pago a través do complemento de produtividade ten o problema de que a normativa marca que non debe ser superior ao 5% do total da retribución complementaria. Alén do plus de produtividade, algunhas administracións optaron por outras fórmulas, como pode ser o adianto da paga extra de xuño para xaneiro. Neste caso o pago pode facerse sen limitación legal, pero debe ser solicitado individualmente por cada traballador.

Concellos coma Allariz, Ourense, Mondoñedo, Mugardos, San Sadurniño ou Tomiño seguen buscando fórmulas

Concellos coma Allariz, Ourense, Mondoñedo, Mugardos, San Sadurniño ou Tomiño seguen buscando fórmulas para non deixar as súas traballadoras e traballadores sen paga de Nadal. Mentres, outros xa desbotaron a idea, ben por considerare que non hai alternativa legal para facelo ou por non dispoñer de fondos. Pobra de Brollón, Zas, Narón, Lugo, Ribadavia, Piñor, Castrelo de Miño, Amoeiro ou Parada tiveron en mente nalgún momento esta posibilidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.