Portugal desactiva pequenos aeroportos mentres Galicia teima en harmonizar os seus

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Case 11 millóns de habitantes fronte a algo menos de tres millóns. Unha superficie de máis de 92.000 quilómetros cadrados fronte a algo máis de 29.000. Pero oito aeroportos fronte a tres. É o paradoxo que se dá ao comparar as magnitudes poboacionais e territoriais de Galicia e Portugal e, ao tempo, facer o propio coas súas infraestruturas aeroportuarias. Mentres que desta banda do Miño as autoridades locais, autonómicas e estatais teiman na súa aposta por manter e harmonizar a actividade de tres aeroportos -Alvedro, Lavacolla e Peinador- distribuídos noutras tantas cidades separadas por apenas 160 quilómetros e unidas por autoestrada, no caso portugués o plan é exactamente o contrario. O groso do tráfico aéreo de pasaxeiros concéntrase en cinco das súas oito principais terminais -unha delas nas illas Açores- mentres o Goberno dá en deixar sen actividade aeródromos de menor entidade. O último, o de Bragança, a apenas cincuenta quilómetros de Galicia.

Segundo recolle o xornal portugués Sol o pasado martes realizou a súa derradeira viaxe a liña aérea entre Lisboa e Bragança, que viña funcionando dende hai máis dunha década grazas ao financiamento directo do Estado, que a xestionaba a través dunha concesión administrativa -ao xeito do que acontece en Galicia con, por exemplo, as liñas de autobuses-. A última concesión, sinala Sol, finalizou hai un ano e o Executivo de Pedro Passos Coelho non semella ter intención de renovala. Así o asumiu unha das súas últimas pasaxeiras, a cantante Dulce Pontes, que sinalou, en declaracións ao mesmo rotativo do país veciño, que de agora en diante terá que viaxar ata Vigo para voar posteriormente a Lisboa.

Os aeroportos galegos, en caída libre

Esta concentración aínda maior da actividade aérea portuguesa -nun contexto no que a súa empresa nacional de aeroportos, ANA, ten prevista a privatización- prodúcese mentres os datos de tráfico do principal competidor dos aeroportos galegos son elocuentes. Só no mes de xullo -último dato feito público polo ente aeroportuario portugués- o Sá Carneiro do Porto moveu 636.578 persoas, o que significa un 1,6% máis a respecto do mesmo mes do ano anterior. Mentres, nos tres meses do verán, a suma de pasaxeiros e pasaxeiras dos tres aeroportos galegos dá como resultado 1.291.270, isto é, pouco máis do dobre do logrado pola terminal portuense nun só mes.

Os aeroportos galegos moveron 1,2 millóns de persoas en todo o verán, o Sá Carneiro tivo máis de 600.000 pasaxeiros só en xullo

Pero se o verán non foi positivo para os intereses aeroportuarios galegos tampouco o foron os meses de setembro e outubro, no que os tres experimentaron caídas a respecto de 2011. Así, segundo datos de Aena Aeropuertos, Vigo rexistrou 78.561 viaxeiros en setembro e, A Coruña 84.701, con caídas do 7,1% e do 2,2%, respectivamente, ao tomar como referencia o mesmo mes do ano anterior. Pero a maior caída experiméntaa o maior aeroporto, o de Compostela, que cos seus 204.512 pasaxeiros quedou un 14,1% por baixo do seu rexistro do ano anterior, enchendo de preocupación o sector turístico da capital de Galicia.

As cousas non foron moito mellor en outubro, no que Alvedro, Lavacolla e Peinador caeron a respecto de setembro pero e tamén o fixeron en termos interanuais. Desta volta, a terminal coruñesa moveu 81.852 persoas, a viguesa 70.413 e a compostelá, 174.456. Isto significa que o aeroporto da Coruña perdeu un 2,2%, o de Vigo un 7,1% e o de Santiago, un 14,1%.

Vista do interior do aeoporto Sá Carneiro, no Porto © Aeroportos de Portugal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.